Roteiro musical polas rúas de Santiago celebrado no marco da XXXI edición dos Cursos de lingua e cultura galegas. Fonte: RAG
A Real Academia Galega coorganiza os Cursos "Galego sen fronteiras" da man do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela, contando co apoio da Deputación da Coruña e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. O programa é codirixido polo secretario da RAG, Henrique Monteagudo, e o director do ILG e tamén académico, Xosé Luís Regueira. Representantes de todas as institucións implicadas recibirán o alumnado na inauguración dos encontros, que terá lugar o martes 2 de xullo ás 12:30 horas na Facultade de Filosofía.
Os estudantes da nova edición proceden de Rusia, Finlandia, Hungría, India, Irán, Madagascar, Romanía, Alemaña, Arxentina, Austria, Brasil, Cuba, República Checa, Inglaterra, Gales, Estados Unidos, Polonia, Italia, Portugal, Venezuela e distintas comunidades autónomas de España.
O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, impartirá a conferencia inaugural o xoves 4 de xullo na sede da institución, na rúa Tabernas da Coruña, nunha xornada na que o alumnado tamén terá a oportunidade de visitar a Torre de Hércules. O calendario de palestras continuará a semana que vén co escritor, músico e produtor Antón Reixa, cunha intervención sobre a produción audiovisual como promoción de normalización lingüística; a música Paulina Ceremuzynska, que ofrecerá un achegamento ás cantigas medievais galegas; e un relatorio do presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, titulado Rosalía en Camiño. A semana seguinte será a quenda da directora de Vinte, María Yáñez, que abordará as oportunidades e os desafíos para a lingua nos medios de comunicación; o contador e poeta Celso Sanmartín, o actor e director teatral Quico Cadaval e o arqueólogo José Suárez Otero, que impartirá conferencia sobre as orixes do Camiño de Santiago.
Os participantes nos XXXII Cursos de lingua e culturan galegas "Galego sen fronteiras" poderán participar ademais en obradoiros de música e baile tradicional e realizarán unha excursión a Fisterra.
Máis información no blog do dos cursos.