Santiago de Compostela foi o seu primeiro destino como profesor universitario, nos primeiros anos despois da Guerra Civil. Corrían tempos escuros para a lingua galega e o seu estudo, pero Alonso Zamora Vicente aproveitou aquel trienio en Galicia para recoller datos cos que trazar a xeografía de fenómenos do galego falado como o seseo e a gheada, valéndose do alumnado, procedente de distintos puntos de Galicia, como testemuña e viaxando por todo o territorio en autobús. Aquel traballo foi o xermolo de publicacións que daría a coñecer máis adiante, e que o converterían nun pioneiro da cartografía lingüística do galego.
Zamora Vicente, discípulo de Menéndez Pidal, foi docente na Universidade de Santiago de Compostela entre 1942 e 1945. Seis anos despois, en 1951, publicou en Buenos Aires o seu primeiro traballo sobre o galego, un artigo sobre a xeografía do seseo. Tamén no estranxeiro, en Mendoza, un ano despois viu publicado outro sobre a fronteira da gheada; seguiulle en 1953 o relativo á isoglosa irmán/irmau, editado en México, e en 1963, desde Lisboa, difundiu outra achega sobre os grupos -uit-, -oit-.
Estes e outros estudos de dialectoloxía realizados por Zamora Vicente foron recompilados na revista Verba da Universidade de Santiago de Compostela, coa que mantivo ao longo da súa carreira un estreito vínculo. O volume publicouse no ano 1986 a modo de homenaxe pola súa xubilación. Trinta anos despois do seu retiro oficial e co gallo do centenario do seu nacemento, a Universidade Complutense de Madrid celebra hoxe unha xornada que aborda o seu legado desde distintas frontes. Na filolóxica o profesor da USC e membro de número da Real Academia Galega Francisco Fernández Rei participou esta mañá nunha mesa redonda na que tamén interviñeron Paz Battaner, Mario Pedrazuela e Ana María Cano, así como Mª Josefa Postigo como moderadora. O programa inclúe tamén outras mesas redondas sobre o Zamora Vicente escritor ou mestre.