O presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, acompañado da conservadora da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, Xulia Santiso, nun momento do faladoiro. Fotos: RAG
O presidente da Real Academia Galega e director do museo impartiu unha conferencia sobre a que foi a terceira novela de Emilia Pardo Bazán, dedicada, a través da historia de Amparo, ás catro mil mulleres, segundo a cifra manexada pola escritora, que traballaban naquel tempo na Fábrica de Tabacos da Coruña. Para se documentar, a condesa pasou dous meses na fábrica e no seu contorno escoitando como falaban, cantaban, pensaban e vivían, tomando notas nun caderniño, recordou Alonso Montero.
O resultado foi unha novela pioneira que, se ben, como dicía a propia escritora, é de costumes, tamén é "moito máis". "Nas súas páxinas está a problemática do proletariado tal e como o ve a muller", salientou o profesor. "Fíxense que importante é esta novela. Non había na narrativa española anterior a 1882, nin houbo durante moito tempo, unha novela en que o protagonista sexa un conxunto de mulleres traballadoras. Polo tanto, e en primeiro lugar, é unha novela proletaria. En segundo lugar, é unha novela do proletariado femenino, non do proletariado masculino, porque novelas protagonizadas por traballadores dentro e fóra de España antes desa data sen dúbida que as había. Pero é que é proletaria e feminina desde a primeira á última páxina. E isto, que non fixera ninguén, nin home nin muller, faino a Pardo Bazán cando aínda é moi nova, o que nos leva a ter en conta a sagacidade e a cultura que tiña". "Ela decide escribir a novela das catro mil traballadoras dándolle significación especial a unha, Amparo. É a primeira vez, probablemente, na historia da narrativa europea en que unha muller traballadora asume a responsabilidade de ser a protagonista dun relato de máis de duascentas páxinas", engadiu.
Alonso Montero reivindicou a memoria da cidade que reflicten as páxinas de La Tribuna e chamou a xuntar apoios para sacar adiante unha edición escolar e unha unidade didáctica sobre a obra e o que significou a fábrica na historia local. "Ningún escolar da Coruña debería ignorar unha obra que é un orgullo para a cidade". De igual xeito, defendeu que o inmoble da antiga Fábrica de Tabacos, que se reconverterá en sede xudicial, debe ser tamén un espazo "da memoria, da cultura, da literatura". "Asombra que unha cidade tan importante como A Coruña non a convertera nun lugar da memoria", reflexionou.
Público asistente á conferencia de Xesús Alonso Montero
Tras a conferencia, desenvolveuse un animado diálogo co público arredor do galego na obra de Pardo Bazán e a historia da Fábrica de Tabacos. Entre os asistentes tamén se reivindicou que a reconstrución do edificio garde un espazo para renderlles homenaxe ás cigarreiras e a Emilia Pardo Bazán.