'Algunhas imaxinaciós sober tesouros', de Álvaro Cunqueiro

O 21 de abril de 1963, Álvaro Cunqueiro daba lectura ao seu discurso de ingreso na Academia no salón de actos do Seminario Conciliar de Mondoñedo.
Álvaro Cunqueiro dando lectura ao seu discurso de ingreso na Academia.
Álvaro Cunqueiro dando lectura ao seu discurso de ingreso na Academia.


O autor de Merlín e familia –proposto por Ricardo Carballo Calero, Domingo García-Sabell Rivas, Aquilino Iglesia Alvariño e Ramón Otero Pedrayo- principia a súa intervención cun panexírico de quen fora o seu antecesor na Academia, o poeta cambadés Ramón Cabanillas: "Home libre, Cabanillas dixo as certezas galegas, as pasadas, as presentes, as futuras."

A seguir, Cunqueiro vai entrando na materia do seu discurso: "A miña intención derradeira sería responderme que é o que pensa e fai un galego posto dediante dun tesouro", establecendo, en primeiro lugar, unha clasificación imaxinaria dos tesouros (os que pasan fame, os errantes, os adormecidos,…), espallados pola xeografía galega e estranxeira e que poden ser custodiados por cobras, ananos, fadas, mouros ou xigantes, ou ben estaren agochados nunha cova, ou soterrados. Cunqueiro sinala tamén cal é o mellor xeito de atopar un tesouro e de desenterralo e refire, finalmente, algúns casos de achados de tesouros acontecidos na súa veciñanza xeográfica, nas comarcas de Mondoñedo e da Terra Chá.

O texto contén os trazos de estilo sobranceiros na prosa cunqueirá: mestura do plano real e do imaxinario, das referencias eruditas e das populares, recurso á anécdota relatada en ton irónico, e constitúe un verdadeiro exercicio de estilo literario –unha sorte de estudo antropolóxico de ficción, un catálogo ou bestiario imaxinario- máis que un ensaio erudito con pretensión de verdade.

Na súa resposta en nome da Academia, Francisco Fernández del Riego resume do seguinte xeito o proxecto literario do de Mondoñedo: "Na obra de Cunqueiro, o xogo ceibe do esprito atingue lizgaira espresión. O seu meirande feitizo atopámolo na mistura de elementos líricos i épicos, de ledas pantasías, de curiosas anéidotas, de imaxes en flama, de tracexos caricaturescos, de ondas cordiás".

Algunhas imaxinaciós sober tesouros pódese descargar aquí.