Ao seu parecer, que características definen a obra de Vidal Bolaño?
Vidal Bolaño soubo inserir na cerna da súa obra teatral unha teoría política a favor dos desfavorecidos e dos perdedores, a favor da emancipación da cultura e da lingua galegas, e fíxoo sen necesidade de panfletos e sen crebar a voz obxectiva do drama (a independencia dos personaxes).
Que importancia tivo a súa figura –como autor, director e actor- na constitución do teatro galego moderno?
A figura de Roberto Vidal Bolaño tivo unha importancia capital na conformación do teatro profesional galego non só polo seu talento senón pola súa dedicación en exclusiva a unha arte da cal non se podía vivir daquela e se malvive hoxe. Esa dedicación exclusiva orientouse aos aspectos fundamentais das artes escénicas: a dramaturxia, a dirección escénica, a interpretación, a iluminación... Roberto desenvolveu esas facetas en compañías teatrais que facían un traballo profesional. De todas/os é coñecida a escena biográfica na que un empregado de banca abandona o seu traballo e soldo para facer teatro, esa actividade que, ata entón, en Galicia, se reducía a un lecer culto.
No seu xuízo, que vixencia conserva a súa obra no contexto actual?
A obra de Vidal Bolaño está hoxe máis vixente ca nunca polo momento histórico de crise do sistema capitalista que está acabando cun suposto estado do benestar e que deriva cara á miseria de valores éticos e económicos. Os problemas e os conflitos humanos e políticos sobre os que compuxo as súas obras Vidal Bolaño seguen vixentes. O coidado formal e o coñecemento fondo da lingua e dos códigos escénicos contribúen á permanencia deste clásico contemporáneo da dramaturxia galega.