A Ourense apelaba tamén o seu primeiro poemario, Ribeirana do Sil, publicado en 1952, cando despois da Guerra Civil aínda case ninguén escribía en galego, lembra o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero. "Foi un pioneiro como cultivador do galego nese momento. Aquel poemario foi prologado por Florentino López Cuevillas, entusiasmado ao ver que un rapaz novo volvía á lingua que fora deixada tras a Guerra", recorda.
A carreira de Fernández Ferreiro como escritor desenvolveríase máis tarde sobre todo no campo da narrativa, no que debutou en 1975 con A morte de Frank González, a primeira novela de vaqueiros en galego. Pero a súa mellor novela era, ao seu xuízo, Morrer en Castrelo do Miño (1978), unha historia da loita dos labregos contra o encoro construído nesa vila. "É realmente unha novela de denuncia do asoballamento que sufriron os campesiños do Val de Castrelo de Miño, e é outra das súas obras que lembro con especial agarimo", engade Xesús Alonso Montero, que salienta tamén A saga do afiador (1980). Nesta última emprégase, probablemente por primeira vez de forma artística, o barallete, xerga que Fernández Ferreiro chegou a coñecer ben, e réndeselle homenaxe á terra que gañou a sona de parir os mellores afiadores do mundo. Fernández Ferreiro enmarcaría de novo na súa terra Agosto do 36, mirada á represión durante a Guerra Civil na zona de Nogueira de Ramuín coa que gañou o Premio Xerais de 1991. O seu labor como xornalista tamén foi recoñecido e mereceu o Premio Galicia de Xornalismo en 1985.
Xosé Fernández Ferreiro compaxinou a literatura co exercicio do xornalismo, dous mundos interrelacionados aos que lles dedicou en 2013 o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, Breves reflexións sobre escritores e xornalistas, ao que lle deu a réplica o tamén escritor e xornalista Manuel Rivas. Nel, mostrábase convencido, malia o moito que se ten repetido que a novela está en crise, que esta nunca morrerá. "Eu coido que a novela non morrerá nunca. Mentres haxa homes e mulleres, mentres haxa vida, amor e odio, ricos e pobres haberá novelas", dicía nunha alocución na que reflexionaba así mesmo sobre a crise dos medios de comunicación.
Manuel Rivas dáballe ese día á benvida no nome da institución a quen definiu como "un afiador" das letras: "O afiador Xosé Fernández Ferreiro vai rentes do chan coa súa roda caligráfica e elévase. Non se eleva para afastarse da realidade senón para mellor vela, cun realismo crítico, que permite o zoom da ollada para profundar tanto no microcosmos como na grande panorámica".
A capela ardente do académico está instalada no tanatorio Albia, na Grela (A Coruña), onde mañá, venres 18, ás 15.15 horas, se lle renderá unha homenaxe. No acto cívico intervirán amigos e compañeiros, entre eles o presidente da RAG.