Henrique Monteagudo, Ángel García, Alonso Montero e Rosario Álvarez
O acto, que contou coa presenza dun numeroso púbulico, tivo lugar no Centro Cultural A Fábrica, en Oleiros, e no seu transcurso tomaron a palabra o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, o secretario e a tesoureira da mesma, Henrique Monteagudo e Rosario Álvarez, ademais do propio alcalde da vila natal de Pardo de Andrade, Ángel García Seoane.
Rosario Álvarez
A tesoureira da Academia, Rosario Álvarez Blanco centrou a súa intervención na análise dos trazos lingüísticos máis destacados d´Os Rogos. Segundo Álvarez Blanco, "esta obra abriu camiños polos que logo outros transitaron, nun tempo no que Galicia non contaba cunha gran base de documentos escritos en galego". A académica botou man da obra Papés d´emprenta condenada, a escrita galega entre 1797 e 1846, publicada en dous volumes polo Consello da Cultura Galega, o primeiro no 2008 e o segundo no 2012, para exemplificar o gran relevo do legado pardoandradiano, responsable dunha quinta parte da obra producida en galego coñecida desta época, e negou tamén o carácter inaugural dos seus escritos: "Tense dito moitas veces que estes primeiros escritores en galego do XIX empezaron a escribir sen coñeceren en absoluto a tradición literaria galega anterior. Isto é certo en parte, xa que a historia da nosa literatura sofre unha morea de descontinuidades e interrupcións, pero, malia todo, existe, e debemos supoñer que estes autores a coñecían". A tesoureira da Academia sinalou, porén, que Pardo de Andrade non dispuña, no momento no que empezou a escribir en galego, dun modelo canónico previo xa establecido que imitar, de tal xeito que, para crear unha lingua literaria, tivo que botar man de catro fontes: o idioma falado na súa contorna, o coñecido a través da escrita doutros autores, o seu propio coñecemento doutras linguas e os seus xuízos e prexuízos arredor do galego.
Neste sentido, a académica clasificou a lingua empregada por Pardo de Andrade dentro do chamado "galego occidental", se ben con influencias patentes do central na formación do plural en –ás/ós, e nos finais en –ao de palabras como irmao. Álvarez Blanco salientou ademais o visible prestixio que este autor lle concedía á fala da Costa Morte, patente no uso predominante do ditongo –ui- en palabras como muito ou a forma verbal fui. Álvarez Blanco rematou a súa intervención subliñando a vontade normativa de Pardo de Andrade: "el foi sempre moi sistemático nas súas escollas, o cal indica unha conciencia de estar a crear un código".
García Seoane e Alonso Montero
Segundo o presidente da Academia, Alonso Montero, a forma de cantar de cego de Os Rogos é completamente consecuente cos seus fins propagandísticos: "Debemos ter en conta que este libro é un panfleto, unha obra de axitación e propaganda destinada a espallar o credo liberal entre a gran masa da poboación galega da época que, na súa meirande parte, non sabía ler. Por esta razón, Pardo de Andrade escolleu a forma do cantar de cego, e as estrofas que forman este libro debían ser cantadas daquela nas tabernas e ante auditorios moi escolleitos, pois a súa natureza subversiva facía perigoso o recitalas ante o público en xeral, nun tempo onde a Igrexa tiña aínda un gran poder". Este fin propagandístico faise patente tamén, segundo Alonso Montero, na descrición detallada das torturas da Inquisición encamiñadas a sementar entre a audiencia un sentido de horror e repulsa cara a esta institución eclesiástica, e no uso do galego. Sobre este segundo factor, Alonso Montero apuntou: "Cando anos máis tarde Os Rogos sufran a censura eclesiástica, non aparece citado en ningún momento o feito de estaren escritos en galego, e non o fan porque saben que está escrito nunha lingua que incrementa a forza ridiculizadora da súa mensaxe que eles consideraban ‘ofensiva aos oídos piadosos' ". O presidente da Academia rematou a súa intervención, tras denunciar a proscrición desta obra na estima da crítica por mor de certo elitismo, declarando a súa vixencia: "A Inquisición non debe desaparecer nunca das nosas preocupacións. A Inquisición é o despotismo e o absolutismo que empece o espírito crítico, e por esta razón está tamén hoxe de actualidade".
Henrique Monteagudo
O secretario da Academia e editor da obra, Henrique Monteagudo, empezou a súa intervención salientando a gran difusión desta obra que acadou ata cinco edicións nun mesmo ano naquel tempo, un feito que o académico explicou por dúas razóns: o feito de estar escrita en galego e a súa propia natureza polémica, destinada ao combate político no contexto dos debates que tiñan lugar en Cádiz arredor da redacción da nova Constitución. Neste senso, a obra de Pardo de Andrade toma partido de xeito evidente polo bando liberal en contenda co absolutista, en defensa da liberdade de credo, opinión e, sobre todo, de prensa, como tamén fará este mesmo autor nunha obra posterior, Os servís e os liberás, incluída na edición feita pola Academia que se pode consultar aquí. Henrique Monteagudo rematou o seu discurso aludindo ao quefacer xornalístico de Pardo de Andrade en El Ciudadano por la Constitución, un xornal destinado ao mesmo fin que toda a obra do xornalista de Xaz: a difusión do ideario liberal. "Tratábase, xa que logo, non de restaurar a vella monarquía absoluta, senón de instaurar unha monarquía constitucional".
O alcalde do Concello de Oleiros, entidade colaboradora na edición da obra, Ángel García Seoane púxolle o colofón ás Xornadas manifestando a obriga cidadá de defender tamén hoxe os mesmos principios de defensa das liberdades de opinión e prensa aos que Pardo de Andrade entregou a súa vida, "un home que, sendo de casa rica, aliñouse sempre cos pobres e indefensos".