O profesor Monteagudo recibindo o diploma que o acredita como académico de número
O acto, celebrado o sábado 25 de febreiro nun ateigado Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, reuniu ás máis destacadas figuras do mundo da cultura a carón de numerosas autoridades coma o Conselleiro de Educación e Cultura, Jesús Vázquez; o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García; e os deputados Francisco Cerviño e Xaquín Fernández Leiceaga. Foi o secretario da Academia, Xosé Luís Axeitos, a persoa encargada de iniciar a cerimonia de ingreso de Henrique Monteagudo, profesor da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, investigador do Instituto da Lingua Galega e membro do Consello de Redacción da revista Grial, entre outros cargos e ocupacións.
O novo membro de número fixo lectura pública dun discurso titulado Facer País co idioma. Sentido da normalización lingüística, no que analizou as políticas de normalización lingüística encetadas no noso país a partir de 1983 desde o punto de vista do seu resultado: a grave situación actual do galego que amosa a súa ineficacia. O profesor Henrique Monteagudo referiuse tamén á retórica da liberdade de elección lingüística, evidenciando a súa pretensión de ocultar o proceso histórico centralista que sufriu o noso país. Sinalou, ao mesmo tempo, a necesidade dun maior autogoberno como condición imprescindible para acadar o obxectivo da plena normalización da nosa lingua.
A académica Rosario Álvarez, pola súa parte, foi a encargada de dar resposta ao discurso de ingreso en nome da Academia, na que o profesor Monteagudo ocupará a cadeira que pertenceu antes a Manuel Lugrís Freire, Gonzalo López Abente e Antonio Gil Merino.
Pode consultar o discurso lido polo profesor Henrique Monteagudo, e ampliar información na súa ficha como membro de número.
En Fotogalerías pode consultarse unha reportaxe deste acto, e máis abaixo un fragmento do vídeo da toma de posesión.