Álvarez Blanco, Alonso Montero, Núñez Feijoo, Regueira Fernández e Ledo Andión
O acto tivo lugar no Teatro Principal da capital galega e contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo; da presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Nogueira; do conselleiro de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; do reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Xoán Casares Long; do delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez Casado; do alcalde de Santiago de Compostela, Ángel Currás; do secretario xeral de Educación e Cultura, Anxo Lorenzo Suárez, do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; do presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira Viturro; do presidente do Pen Club Galicia, Luís González Tosar; do secretario xeral do Partido Socialista de Galicia, Manuel Vázquez Fernández, ademais de numerosos membros de número e correspondentes da Academia, familiares do homenaxeado e figuras da cultura galega.
Margarita Ledo Andión
"Roberto Vidal Bolaño fala do que todos calan", con estas palabras resumiu a académica Margarita Ledo Andión o sentido do proxecto dramático bolañián, e engadiu: "Vidal Bolaño toma partido pola construción dun teatro do aquí e do agora e, pola súa independencia, foi apartado do establishment da cultura galega, pois o que non existía nesta realidade, existía no seu teatro". Ledo Andión salientou a importancia da temática da emigración na obra de Vidal Bolaño, "el reconstrúe a historia dunha nación en pasaxe" en obras como Cochos ou Mar Revolto, e a súa vindicación da tradición teatral galega, quer a popular e parateatral, quer a culta dos Cortezón, Pedrayo e Cunqueiro. A académica rematou o seu discurso sintetizando a escrita de Vidal Bolaño nunha cita de Jean Morin sobre Jean Vigo: "Soubo reunir poesía, verdade e ironía. De por si imitalo sería xa orixinal".
Euloxio Rodriguez Ruibal
O académico e dramaturgo Euloxio Rodríguez Ruibal, cun discurso titulado Compostela como espazo dramático no teatro de Roberto Vidal Bolaño, analizou a presenza da paisaxe urbana compostelá nas obras As actas escuras e Doentes. Para Rodríguez Ruibal, Vidal Bolaño tivo preferencia nas súas obras por situar a acción no que o filosofo francés Michel Foucault denominaba heterotopías, lugares-outros nos que o comportamento social normal está dalgún xeito elidido. Camposantos, o tellado da Catedral, bordeis, hospicios, a propia cripta do sepulcro do Apóstolo, igrexas, bibliotecas de pazos antigos... Espazos que dotan as obras de Vidal Bolaño dun ambiente irreal e fantasmagórico, moi acaído para os seus personaxe marxinais, enfermos ou excluídos. "Vidal Bolaño tiña, en definitiva", concluíu Rodríguez Ruibal "un gran talento para estruturar as súas obras mediante os espazos".
Francisco Fernandez Rei
O académico Francisco Fernández Rei empezou a súa alocución rememorando o nomeamento, a título póstumo, de Vidal Bolaño como académico correspondente, e as razóns que motivaron a escolla do seu nome para o premio que anualmente entregan as Redes Escarlata "a persoas que soñan cunha Galicia liberada na que o galego acade o seu uso pleno". A continuación, Fernández Rei pasou a analizar a evolución do tratamento da lingua nas obras de Vidal Bolaño, desde as aurorais Laudamuco, señor de ningures, Ladaíña pola morte do Meco ou Xaxena, ata as postremas Saxo Tenor, Rastros e Animaliños. Para este académico, na obra de Vidal Bolaño pódese apreciar unha progresión cara a unha maior estandarización da lingua, desde o diferencialismo castelanista de liñaxe oteriana das primeiras obras, ata un galego máis respectuoso coa norma nas derradeiras. Outros trazos subliñados por Fernández Rei foron o seu uso do castelán de xeito esporádico para acadar unha maior naturalidade na expresión do rexistro oral, e a orixinal posta en escena do conflito normativo e lingüístico. "O tema da normativa do galego é tamén un dos temas do seu teatro", concluíu Fernández Rei, "que uniu a un insubornable compromiso coa nosa lingua e co noso país".
O presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, iniciou o seu discurso lembrando unha efeméride: a do corenta aniversario da Mostra de Teatro Abrente de Ribadavia, iniciada en 1973, na que situou o amencer do noso teatro moderno. Referíndose á figura homeaxeada, Alonso Montero afirmou: "non hai na historia do teatro galego unha voz máis crítica que a de Vidal Bolaño, unha voz que moitas veces empregou en ton lúdico pero que reflicte as eivas da sociedade do seu tempo, que daquela eran moitas e hoxe son aínda máis e veñen definidas pola tiranía do Mercado contra a que teñen que levantar a voz os dramaturgos de hoxe, e para iso", concluíu o presidente da Academia "as institucións públicas galegas deben apoiar o noso teatro".