Actitudes respecto da cultura popular

Imaxe antiga dun gaiteiro con xente detrás
Imaxe da vida campesiña na revista Galicia moderna (N. 27, 1898)


Durante todo o século XIX a maior parte da poboación galega viviu no rural, en pequenas vilas, aldeas e lugares, a pesar de que núcleos urbanos como A Coruña e Vigo experimentaron un crecemento considerable ao longo da centuria. Se no ámbito rural os xeitos de vida permaneceron relativamente estables con relación ás épocas precedentes, pola contra no urbano as realidades diferentes da existencia cotiá impuxeron importantes modificacións socioeconómicas, políticas e culturais, provocando un crecente distanciamento entre os dous ámbitos. Desde unha perspectiva urbana ese afastamento traduciuse a miúdo na consideración do mundo rural como un espazo alleo e "exótico", incluso na súa caracterización negativa debido ás connotacións de atraso, pobreza e ignorancia coas que foi asociado. Mais, ao mesmo tempo, deuse a situación paradoxal de que o afastamento entre o campo e a cidade estivo acompañado da curiosidade que as elites intelectuais urbanas sentiron por coñecer certas expresións culturais da poboación labrega e mariñeira.

Obviamente ese dobre proceso de distanciamento/curiosidade non foi exclusivo do noso país, pois resultou ser un fenómeno que se manifestou en toda Europa. É ben sabido que a partir da segunda metade do século XVIII se produciu unha auténtica redescuberta da cultura popular após séculos de desconfianza e de menosprezo por parte das elites letradas e da Igrexa. Relacionada nun principio cunha nova sensibilidade estética e literaria que a comezos do XIX desembocaría no Romanticismo, a redescuberta do popular converteuse durante ese século en obxecto de investigación de novas disciplinas científicas, o Folclore e a Etnografía, centradas sobre todo no estudo da literatura e das crenzas do pobo. Pero moitas veces o interese polo popular foi alén da simple curiosidade científica e estivo tinguido de fondas implicacións ideolóxicas, xa que se pensaba que os auténticos trazos definidores dunha colectividade humana -o seu "xenio" ou a súa "alma"- estaban conservados nas camadas populares e principalmente no campesiñado. Por ese motivo os movementos nacionalistas xurdidos en Europa buscaron a miúdo inspiración e lexitimidade nas formas culturais dun mundo rural que tenderon a idealizar.

Tamén na segunda metade do XVIII albiscamos as primeiras mostras de curiosidade pola cultura popular galega. Foi entón cando frei Martín Sarmiento e frei Juan Sobreira Salgado fixeron algunhas observacións sobre a literatura do pobo e compilaron as primeiras coleccións de cántigas e de refráns. Ao longo da centuria seguinte o labor iniciado por eses dous pioneiros tivo continuidade nos traballos de recolleita e de sistematización da poesía popular realizados por Manuel Murguía, Marcial Valladares, Antonio Mª de la Iglesia, Juan Antonio Saco Arce, José Casal Lois e José Pérez Ballesteros. Coa creación da sociedade El Folk-lore Gallego en 1893 déronse os pasos iniciais na institucionalización da curiosidade etnográfica, aínda que a asociación deixou de existir dez anos despois e o seu labor non deu todo o froito que prometía. Non foi ata a fundación do Seminario de Estudos Galegos en 1923, onde funcionou unha sección de Etnografía e Folclore, que estas investigacións recibiron un impulso importante, en parte coutado tras a desaparición do Seminario en 1936 a causa da represión imposta pola ditadura franquista. A pesar dos atrancos, a etnografía galega da posguerra mantivo a súa actividade inspirándose en boa parte nos proxectos e nos presupostos teóricos que foran propios do Seminario.

É importante destacar que na Galicia do XIX a curiosidade polo popular se desenvolveu en estreita relación con outras manifestacións culturais e ideolóxicas contemporáneas, tales como o Rexurdimento da literatura galega e a defensa do idioma, o interese pola historia ou a reivindicación da personalidade propia do país. Ademais a través da prensa da época podemos observar en que maneira se interrelacionaron todos eses factores.

Por unha banda, a publicación na prensa de artigos costumistas sobre a vida campesiña e de recreacións literarias de tradicións ou contos populares fíxose frecuente a partir de mediados da centuria. E iso non só axudou a fomentar a curiosidade acerca dos xeitos de vida no rural, senón que ademais contribuíu a introducir unha temática claramente galega na produción literaria. Por outra banda, a poesía e a narrativa populares tiveron unha influencia importante sobre a literatura escrita en galego que empezaba a agromar por entón. A súa pegada, por exemplo, é evidente nos poemas de Rosalía e de Curros, ou na narrativa de Lamas Carvajal e doutros escritores que cultivaron o xénero do relato curto. En relación con isto hai que mencionar ademais a aparición habitual de mostras de literatura popular (contos, cántigas, refráns) nas revistas monolingües en galego. Nestes casos de busca de inspiración na literatura popular podemos pensar que a valoración desta debeu ser positiva, ao se considerar un modelo apto para seguir nas producións cultas. De feito a propia Rosalía recoñeceu abertamente o valor da poesía do pobo por estar dotada de naturalidade, expresividade e musicalidade. Porén, algúns dos principais compiladores desa literatura non sempre tiveron unha opinión tan favorable, de aí que sinalasen o que eles coidaron que eran os seus principais defectos (por exemplo, a simplicidade e o carácter "vulgar" ou "inmoral" dalgunhas das súas manifestacións).

Nas últimas décadas do século non será difícil encontrar na prensa artigos que trataron determinados aspectos da cultura campesiña. Testemuño diso son os traballos de Murguía acerca da literatura popular publicados nas páxinas de La Ilustración gallega y asturiana; a descrición de certos costumes e prácticas realizada por Alfredo Vicenti na mesma revista e noutras publicacións; así como artigos de temática diversa recollidos en Galicia. Revista universal de este reino, en El Heraldo gallego, ou en Galicia diplomática. Infelizmente o proxecto da sociedade El Folk-lore Gallego de publicar unha revista trimestral nunca se fixo realidade.

De toda esa produción de temática etnográfica podemos escolmar unha serie de trazos caracterizadores. En primeiro lugar, o interese centrouse na literatura oral e en determinadas prácticas e crenzas que seguramente parecerían estrañas a ollos da burguesía urbana (medicina popular, crenza na Estantiga, en meigas etc.). En segundo lugar, destaca o convencemento xeneralizado de que o folclore constituía unha valiosa fonte de información histórica que permitía ter acceso a períodos dun pasado afastado para os que había pouca ou ningunha documentación. Por este motivo a principal premisa da sociedade El Folk-lore Gallego era que o estudo das tradicións debía servir de complemento das investigacións históricas, arqueolóxicas e lingüísticas. Enténdese así que adoito se pretendesen explicar certas manifestacións da cultura popular como se fosen "supervivencias" herdadas dos habitantes máis antigos do país (celtas, gregos, fenicios, suevos). Relacionada co anterior estaba a idea de que era na tradición oral onde se mostraba con meirande clareza a identidade propia do pobo galego, a súa vida intelectual e as súas calidades distintivas. É dicir, que esa tradición era a expresión máis auténtica do "xenio" do noso pobo. Seguramente foi Manuel Murguía quen expresou esta concepción de maneira máis directa nos seus escritos acerca da poesía popular. (Acceda aquí ao artigo de Murguía en La Ilustración gallega y asturiana).

Mais, a pesar de se chegar a recoñecer os valores literarios, históricos e identitarios da cultura do pobo, aquelas persoas que no XIX se interesaron por ela nunca a idealizaron. En troques, foron frecuentes as críticas contra aquilo que se considerou os aspectos negativos da tradición, por entenderse que esta ás veces contribuía a perpetuar a ignorancia da xente e a favorecer os abusos e enganos dos que resultaban beneficiarias algunhas persoas con poucos escrúpulos (menciñeiros, buscadores de tesouros e incluso o clero). Xa en 1865, nun artigo publicado no Almanaque de Galicia, Claudio Cuveiro criticara a crenza na Compaña, asegurando que supersticións como esa imposibilitaban o avance da sociedade e que por tanto cumpría erradicalas mediante a educación. Anos máis tarde, Alfredo Vicenti, falando das opinións do "vulgo" sobre trasnos, meigas e defuntos, quixo distinguir entre as tradicións inofensivas que lle daban á vida un aspecto máis "poético", e aqueloutras supersticións -como a crenza nos mencionados seres sobrenaturais- que empecían os avances do progreso e da ilustración entre o campesiñado. E concluía avogando por combater as tradicións prexudiciais e asemade pedía respecto polas inofensivas, as cales, na súa opinión, axudaban a que os labregos se consolasen das mágoas dunha dura existencia. (Acceda aquí ao artigo de Vicenti na Revista gallega).