Imaxe dunha acción da empresa Fraga
Isaac Fraga Penedo (O Carballiño, 1888), que realizou os seus estudos no Seminario ata os 15 anos e, aos 18, debido a problemas económicos na súa familia, emigrou a Buenos Aires, foi o propietario da empresa Fraga. Na cidade arxentina comezou a súa descuberta do cinematógrafo e, unha vez conseguidos os cartos necesarios para regresar a Galicia, mercou un proxector e viaxou polas vilas galegas amosando o novo invento. En 1909, aproveitando a popularidade da Exposición Regional Gallega en Santiago de Compostela, instalouse na carballeira de Santa Susana cun espectáculo de atraccións -cine e variedades- que tivo unha grande acollida. Este éxito permitiulle alugar algúns locais na cidade: o Principal, o Apolo… A súa expansión culminou en 1913, grazas aos dereitos de explotación de Quo vadis? en exclusiva para Galicia. En 1914, reinvestindo as ganancias, comezou a súa expansión polo territorio galego, chegando a controlar medio centenar de salas en Galicia e no norte de España.
Nos anos vinte, a empresa Fraga xa xestionaba ou era propietaria da maioría das salas estables de Galicia e, algo máis tarde, sería unha das máis importantes do Estado Español, instalando a súa sede en Madrid. En 1921 Isaac Fraga debutou como produtor e presentou a serie documental España en África, con guión de Alejandro P. Lugín. Nesta nova faceta, mostrou grande interese polo cine bélico e, debido a este interese, chegou a coñecer os militares Millán-Astray e Francisco Franco, achegándose ás súas posicións perante a sublevación do 18 de xullo. Neste período creou Films Patria e impulsou a realización da serie ¡Arriba España! La Reconquista de la Patria (1936-1938).
En 1930 presentou en Vigo o primeiro filme sonoro de ficción proxectado en Galicia. En 1948, e tamén en Vigo, inaugurou o Teatro-Cine Fraga, emblema da empresa. Desde os anos 40, a empresa coñeceu unha época de crecemento que acadou o seu cumio nos anos 70. A partir de entón, a empresa Fraga iniciou un declive progresivo que culminou coa morte, en 1982, do empresario e fundador.
O deseño é obra de Camilo Díaz Baliño, que traballou para a empresa como deseñador e como escenógrafo. Díaz Baliño non só tiña vínculo laboral con esta empresa, senón tamén familiar: o seu fillo Isaac era o afillado de Fraga, como pode constatarse no seu nome, xa que o costume era que o afillado levase o do padriño. Tamén a súa irmá, Mercedes, leva o nome da muller de Fraga.