'Abril 1846', de Francisco Tettamancy

Este poema do escritor e membro fundador da Academia, Francisco Tettamancy y Gastón, conmemora o levantamento, de caracter galeguista e progresista, do coronel Solís.
Francisco Tettamancy
Francisco Tettamancy


Os feitos da revolta de 1846 resultaron sempre cativadores para a primeira xeración rexionalista, que nalgún caso, como o de Murguía, mesmo foron testemuñas directas dos estertores da Batalla de Cacheiras.

O poema que reproducimos a continuación é obra do escritor e académico Francisco Tettamancy y Gastón, e foi publicado no xornal Revista Gallega o 23 de abril de 1899. Outros artigos deste autor sobre a Revolución Galega de 1846 pódense consultar aquí.

ABRIL 1846

¡CACHEIRAS! ¡CARRAL!

As aves xa non gorxean,
as froles víranse murchas,
o sol, xa non resprandece
porque as brétemal-o ocultan.
¡Qué día aquel! ¡qué tristeiro
está o día! E que se xuntan
os espritus maléficos
para soterrar nas tumbas
as subrimes libertades
de Galicia, a nobre e culta
región, que c´o propio sangue
pol-as suas glorias luita.

O promo dos asesinos
desfai as frentes barudas
d´aqueles homes de ferro
que a traición fai que sucumban…
As aves xa non gorxean
as froles víranse murchas,
o sol… xa non resprandece
porque as brétemal-o ocultan.
E que a libertá gallega
morreu, e en choros se enturbia:
¡maldito, maldito sea
quen contra o progreso luita!


Nesta ligazón, pódese acceder ao poema publicado en Revista Gallega.