Aberto o prazo de preinscrición dos XXXVI Cursos de verán Galego sen fronteiras

Os Cursos de verán de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras” chegarán o vindeiro mes de xullo á XXXVI edición. O prazo de preinscrición arrinca hoxe mesmo e permanecerá aberto ata o 6 de abril. As persoas de fóra de Galicia que desexen solicitar praza poden facelo nesta ligazón, onde está dispoñible tamén o folleto informativo con todos os detalles.

O calendario deste ano desenvolverase do 3 ao 24 de xullo e, coma sempre, Santiago de Compostela será a sede dunha iniciativa organizada pola Real Academia Galega da man do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela. Baixo a dirección da académica de número María López-Sández, profesora de Didáctica da Lingua e da Literatura da USC, e a secretaria do ILG, María Álvarez de la Granja, como secretaria académica, os cursos convócanse co apoio económico da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia.

O programa ofrece unha experiencia completa de inmersión na lingua e na cultura galegas a alumnado internacional e doutras comunidades autónomas organizado en tres niveis: elemental, intermedio e superior. Ademais de clases teóricas e prácticas, inclúe obradoiros e excursións, así como relatorios de persoas convidadas que son referentes nos seus respectivos campos e que desenvolven o seu labor en lingua galega.

Desde a súa posta en marcha en 1988, os Cursos Galego sen fronteiras funcionan como un espazo de promoción do idioma e da cultura de noso por todo o mundo, un labor que foi recoñecido polos Premios da Cultura Galega 2023 coa concesión do galardón da modalidade de proxección exterior. Polas súas aulas pasaron numerosos estudantes de múltiples orixes que hoxe exercen de embaixadores culturais de Galicia como docentes universitarios, tradutores ou mesmo creadores. Anik Nandi, director do Centro de Lingua e Comunicación Intercultural Universidade de Woxsen (o primeiro centro de estudos galegos en Asia), a poeta e tradutora canadense Erin Moure ou o académico correspondente Johannes Kabatek, catedrático de Lingüística Románica da Universidade de Zürich, son algúns deles.

Alumnado da pasada edición no encontro de confraternidade celebrado no parque de San Domingos de Bonaval