A Real Academia Galega coorganiza dende 1988 os Cursos de verán de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras” da man do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Sanriago de Compostela. A iniciativa desenvólvese un ano máis co apoio económico da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia. A trixésimo cuarta edición desenvolverase do 3 ao 24 de xullo, baixo a dirección do vicesecretario da Real Academia Galega e catedrático de Filoloxía Galega, Henrique Monteagudo, e coa académica de número e profesora de Didáctica da Lingua e da Literatura María López Sández como secretaria académica.
O programa, organizado en distintos niveis, permítelle ao alumnado gozar dunha experiencia de inmersión no idioma e na sociedade galega. Ademais das aulas teóricas e prácticas que se desenvolven de luns a venres, como é habitual, haberá relatorios de profesionais de prestixio de distintos sectores e visitas para coñecer o patrimonio natural, etnográfico e artístico de Galicia.
Os Cursos “Galego sen fronteiras” foron recoñecidos na última edición dos Premios da Cultura Galega, na modalidade de proxección exterior, polo seu labor de promoción internacional da lingua e da cultura de noso. Moitos dos seus antigos alumnos e alumnas son na actualidade docentes que ensinan o galego en universidades de diversos países, traducen obras das letras galegas a outros idiomas e realizan contribucións académicas ao campo dos estudos galegos dende olladas externas enormemente enriquecedoras.
Entre outros especialistas, pasaron polas súas aulas Johannes Kabatek, catedrático de Lingüística Románica da Universidade de Zürich e académico correspondente; Maria Boguszewicz, directora do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Varsovia; Rob Boland, catedrático da Universidade de Sydney; a poeta e tradutora Erin Moure; a musicóloga Paulina Ceremuzynska; ou José Alberto Fuentes, director de produción d'O corno, a longametraxe de Jaione Camborda premiada coa Cuncha de Ouro do Festival Internacional de Cine de Donostia.