A académica María López-Sández e a secretaria do ILG, María Álvarez de la Granja, asumen a dirección e a secretaría desta nova edición, que se desenvolve co apoio económico da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia. O programa contará coa participación de alumnas e alumnos internacionais procedentes de Alemaña, Finlandia, Francia, Hungría, Irlanda, Italia, Portugal, Reino Unido, República Checa, Rusia, Suíza, Ucraína, A China, A India, Uzbekistán, A Arxentina, O Brasil, Colombia, Cuba, os Estados Unidos e México. Tamén formarán parte da nova promoción dos curso estudantes procedentes doutras comunidades autónomas de España.
O calendario de conferencias incidirá en dúas conmemoracións destacadas deste 2025: as Letras Galegas das cantareiras e a poesía popular oral e o Ano Castelao. Sobre o intelectual rianxeiro falará Miguel Anxo Seixas Seoane, biógrafo do autor e presidente da Fundación Castelao, o martes 8 de xullo. O xoves 10 de xullo o académico Antón Santamarina, colaborador da etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth na compilación do Cancioneiro Popular Galego, ofrecerá un relatorio sobre a historia dos cantigueiros. O martes 15 será a quenda da escritora Paula Carballeira, recoñecida co Premio Nacional de Literatura Dramática, que achegará unha ollada á oralidade na literatura galega do século XXI; e o xoves 17 o escritor e investigador da mitoloxía e da literatura de tradición oral Antonio Reigosa afondará no tesouro que constitúe este herdo. A última palestra será a da académica de número Ana Boullón. A coordinadora da Guía de nomes galegos e do proxecto do Dicionario de apelidos galegos trazará un percorrido pola historia e o presente dos antropónimos e dos nomes de familia en Galicia.
As actividades arredor da música galega afondarán tamén na celebración das Letras Galegas 2025. O alumnado escoitará a antropóloga Beatriz Busto (7 de xullo), autora do volume As pandeireteiras de Mens; gozará dun concerto interactivo da cantareira María Faltri (9 de xullo) e protagonizará unha foliada na Igrexa da Universidade (14 de xullo).
Unha recepción no Concello de Santiago de Compostela (8 de xullo), unha excursión á Barbanza (12 de xullo), un encontro de confraternidade no parque de Bonaval (16 de xullo) e unha charla sobre o proxecto Neofalantes (23 de xullo) son parte tamén dunha programación que contará ademais coa presentación de Son galego, de Antonio José Francisco Rey. Alumno dos Cursos nas edicións de 2023 e 2024, o autor plasmou neste libro unha declaración de amor a Galicia elaborada ao redor das lembranzas do seu avó, quen emigrou á Arxentina en 1927.