"Os nomes comerciais constitúen unha liña de investigación sobre a paisaxe lingüística relativamente recente, malia seren unha parte bastante importante dende o punto de vista cuantitativo, porque a maior parte da rotulación, fóra dos nomes das rúas e das pintadas, son os nomes comerciais", explica a académica correspondente Ana Boullón, que coordina a xornada xunto á tamén académica correspondente Luz Méndez. "Polo tanto, os nomes das marcas tamén teñen un papel na normalización lingüística", engade.
O coordinador do Seminario de Onomástica da Academia, Antón Santamarina, abrirá o programa ás 10:00 horas cun breve relatorio sobre o nome da disciplina que estuda as marcas comerciais dende a perspectiva filolóxica. Deseguido, o profesor da Universidade de Vigo Benigno Fernández Salgado afondará na relación entre as marcas, as empresas e os dominios en Internet. A partir das 11:00 horas, a profesora da Universidade de Santiago de Compostela falará da riqueza creativa a través da análise dunha serie de nomes de marcas e empresas galegas; e Sara Míguez exporá os resultados dun traballo de campo centrado na rotulación de locais dedicados a distintos tipos de negocios no concello de Redondela (Pontevedra).
A sesión da mañá concluirá cunha viaxe pola historia das cabeceiras dos xornais galegos a cargo do presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; e a ollada aos nomes das adegas, dos viños e dos licores do Ribeiro (Ourense) de Raquel Rodríguez Parada.
Coma nas edicións anteriores, dedicadas á microtoponimia, os nomes e apelidos, os alcumes e as rúas, nesta ocasión tamén se incidirá, da man de Celtia Rei, no valor pedagóxico da onomástica. A profesora presentará, xa pola tarde, a experiencia desenvolvida no IES Alexandre Bóveda de Vigo, onde o alumnado analizou os nomes de bares e restaurantes de Coia. A xornada concluirá coa mesa redonda protagonizada por Elena Ferro, Xosé González Martínez, Irene García e Raquel Boo.