A xornada de homenaxe a Piñeiro repasa as súas achegas a Galicia e tres episodios de represión

As súas achegas á lingua e o seu compromiso "integral e integrador" con Galicia, xunto a tres episodios nos que foi vítima da represión franquista, centraron a Xornada na honra de Ramón Piñeiro que a Real Academia Galega celebrou onte en Lugo no centenario do seu nacemento. Unha homenaxe, salientou o presidente, Xesús Alonso Montero, a quen foi unha das grandes "personalidades literarias" e que, engadiu a alcaldesa Lara Méndez, desenvolveu unha defensa da cultura e da democracia que contribuíu a que o galego "se erguese entre a marxinación e a persecución".
Mesa redonda dedicada a Ramón Piñeiro
Pola esquerda, Xosé Manuel Dasilva, Xesús Alonso Montero, Andrés Torres Queiruga e Henrique Monteagudo na mesa redonda dedicada a Ramón Piñeiro


O investigador da Universidade de Vigo Xosé Manuel Dasilva e os académicos Henrique Monteagudo e Andrés Torres Queiruga foron os encargados en afondar, nunha mesa redonda celebrada no salón de plenos do Concello de Lugo e moderada por Xesús Alonso Montero, na figura do intelectual, estreitamente vinculado a esta cidade, na que estudou bacharelato, descubriu a literatura galega e entrou en contacto co galeguismo.

Monteagudo centrou a súa intervención nas contribucións de Ramón Piñeiro (Láncara, 1915-Santiago de Compostela, 1990) ao idioma galego. O secretario da Academia repasou as súas principais achegas ao longo dunha traxectoria que arrincou cunha temperá conciencia lingüística desde neno. Lembrou así a súa aposta por traducir, nos anos 50, a Pokorny e a Heidegger (daquela aínda non traducido ao castelán) como forma de prestixiar a lingua ou o seu papel na chamada batalla de Montevideo, como redactor do manifesto de denuncia de persecución do galego por parte do franquismo que se repartiu na VIII Asemblea Xeral da UNESCO (1954).

Pero Monteagudo fixo fincapé no seu papel protagonista décadas despois na elaboración e na aprobación da Lei de Normalización Lingüística (1983), unha norma que, lamentou,"A Lei de Normalización Lingüística non se desenvolveu, con toda seguranza, como a Piñeiro lle tivese gustado" "non se desenvolveu, con toda seguranza, como a Piñeiro lle tivese gustado". Previamente, na presentación do acto, a alcaldesa Lara Méndez tamén manifestou a súa preocupación pola situación actual do idioma, cunha perda de falantes especialmente preocupante entre os máis novos. Aínda que preservar a lingua é unha responsabilidade de toda a sociedade, éo especialmente, engadiu "do goberno galego", engadiu, ao que instou a deixar atrás "os que foron os anos máis negros do galego" dos últimos tempos e reivindicar o idioma propio "como valor de país".

Tres episodios marcados pola represión franquista

Xosé Manuel Dasilva tamén se refiriu ao Piñeiro tradutor nunha intervención na que abordou tres episodios da súa vida marcados pola represión franquista, partindo de informacións e documentos de primeira man.

O profesor da Universidade de Vigo analizou, en primeiro lugar, a prohibición, a principios dos 50, da tradución do ensaio Da esencia da verdade, de Heidegger, que realizou xunto con Celestino Fernández de la Vega, polo feito de empregar o galego para a especulación filosófica, "uso que non permitía a ditadura", lembrou. En segundo lugar,"Dasilva recordou a detención, o proceso militar e o encarceramento do que Piñeiro foi vítima nos anos 40 por conspirar para o derrubamento do réxime franquista" Dasilva recordou a detención, o proceso militar e o encarceramento do que Piñeiro foi vítima nos anos 40 por conspirar para o derrubamento do réxime franquista. "Na condena que se lle impuxo tivo especial relevancia a viaxe que levou a cabo a Francia en 1946 para se entrevistar co presidente republicano no exilio, José Giral", detallou. Por último, Dasilva recordou a prohibición, a comezos dos 50, da publicación periódica Colección Grial, da que Piñeiro era responsable, e da que só chegarían a publicarse catro cadernos por ser considerada polas autoridades antifranquistas "galeguista, esquerdista, antiespañolista e internacionalistas", así como pola proxección que se temía que acadase no exilio americano.

Andrés Torres Queiruga salientou, pola súa banda, "o compromiso integral e integrador" con Galicia do homenaxeado. "Piñeiro soubo enxergar, facer patente e, sobre todo, vivir de xeito imborrable unha dimensión elemental e decisiva: que Galicia é unha realidade de seu, moi unitaria e que sente intensamente a copertenza mutua, pero que precisa pasar do sentimento, vivo pero indiferenciado, á claridade da conciencia teoricamente articulada e á eficacia práctica da organización cultural, social e política", expresou o académico. "(…) Modulouno de mil maneiras, atravesando os distintos avatares do espertar político de Galicia. Pero nunca abandonou a convicción de que lograr esa unidade de base, por enriba e por debaixo, de toda opción concreta, era un desafío fundamental para o noso futuro", proseguiu. "Recordalo hoxe pode axudarnos a todos nunha hora histórica en que a unidade dos galegos chama con urxencia, case a gritos, por todos", concluíu.

Os participantes na mesa redonda e membros da AcademiaOs participantes na mesa redonda e membros da Academia, con familiares e amigos de Ramón Piñeiro ao remate do acto, celebrado no salón de plenos do Concello de Lugo