Os estilos literarios dos compoñentes deste grupo rexistran, no ámbito comarcal, uns trazos innovadores que os diferencian de autores vivos do Rexurdimento como poderían ser Conrado Villar Loza ou Antolín S. Mediante Ferraría. Nos novos xa albiscamos a pegada do modernismo, das vangardas poéticas e unha maneira diferente de contemplar o costumismo e o ruralismo.
Alejandro Sela, prosista que mantivo correspondencia con Otero Pedrayo, asinou cos pseudónimos "Fulano de tal" e "El tío Pepe" (o tipo popular que tamén dá nome ao quincenal fonsagradino O tío Pepe) unha serie de narracións sobre temas etnográficos e de costumes ("Os santurrois", "El antroido", "El mondongo", "Os esfoyois", "El varexador", etc.) nas que é totalmente fiel ao sistema dialectal familiar, mesmo en formas con dobre opción fonética como non e nun, vellos e veyos, cando e cuando, para e pra, pra este e preiste ou no uso doutras minoritarias como a conxugación sobre feir (faer "facer").
Amador Fernández Mejeras, aínda que nacido en Ribadeo, por razóns familiares, de residencia e traballo debemos clasificalo cos autores da dereita do Eo. O propio poeta o reflicte varias veces nos seus versos ("pra vivir na miña Asturias fría", "de partir para Asturias, la tierrina que amamos"...). Iníciase na creación literaria no seminario de Mondoñedo, onde estuda latín e filosofía e onde coincide con Xosé María Díaz Castro e outros poetas. Mejeras destaca polo dominio de metros clásicos coma o soneto, a oitava real ou o quinteto, onde plasma recordos biográficos, o amor á terra, á muller amada, a fidelidade aos amigos, etc.
Francisco Fidalgo Villaveirán escribiu sobre a noitevella en Compostela, a romaría de Herbón, a obra de Gustavo Freire, o San Froilán de Lugo e infinidade de aspectos das terras de entre o Navia e o Eo. Lector de Cunqueiro, Bouza Brey e outros, tivo sempre Galicia e Asturias no corazón. Nos escritos de mocidade, época do sainete [As dúas riquezas], incorpora as variantes dialectais do baixo Navia ao lado das maioritarias do galego. En cambio, a partir de 1950, na "Nana pra dormir os nenos" ou nas narracións de tipo costumista, acomoda a lingua aos trazos dialectais da localidade onde ve a luz o programa de festas que recolle o texto.
Ovidio Martínez de Queipo, despois do bacharelato no colexio ovetense dos Maristas, cursou en Madrid estudos de Maxisterio, Filosofía e Xornalismo. Na capital madrileña frecuentou os ambientes literarios do Café Gijón. Ovidio, que exerceu de correspondente de prensa e publicou tamén en revistas de Cuba e Arxentina, fai convivir, igual que Fidalgo, as variantes boalesas coas formas maioritarias. De saúde delicada, desde 1936 ata o seu falecemento residiu en Boal e tivo sempre como amigo próximo a Amador, que, casado no concello de El Franco, exerceu en escolas da zona. Dos escritos en galego salientan catro títulos ("Bagoas e tristuras", "Semblanza", "Xa cho direi algún día" e "Añoranza") do ciclo de poemas adicados a unha moza que tivo.
Por máis que, contemplados no seu conxunto, puider parecer escasa a súa produción, coidamos que son catro autores que manteñen acesa a musa vernácula e que, só por iso, merecen un particular recoñecemento e máis visibilidade nos dezaoito concellos galegoasturianos.