Benito Rodríguez Álvarez Tito o Chirro e Lucía López Lires durante un dos coloquios.
Fonte: RAG
Pola esquerda, Gonzalo Navaza, Rafael Domínguez, Ana Boullón e Ángeles Tilve inauguran a xornada.
Fonte: RAG
A profesora do Departamento de Xeografía da USC Ángeles Piñeiro afondou na talasonimia nas cartografías históricas.
Fonte: RAG
Helena Domínguez compartiu claves para unha boa recollida de talasónimos.
Fonte: RAG
Lucía López Lires, axente do Servizo de Gardacostas de Galicia, intervén nun dos coloquios.
Fonte: RAG
José Benito Rodríguez Tito o Chirro durante a súa conversa con Lois Vilar.
Fonte: RAG
Xosé Lois Vilar, do Instituto de Estudos Miñorñáns, achegou estratexias para a divulgación da talasonimia.
Fonte: RAG
Público seguindo a xornada no auditorio do Museo de Pontevedra.
Fonte: RAG
Ángel Suances entrevista a Helena Domínguez en directo para a Radio Galega.
Fonte: RAG
Público seguindo a xornada no Museo de Pontevedra.
Fonte: RAG
Lucía López Lires e Aarón Otero Ferrari presentaron o seu traballo sobre os nomes de embarcacións e bateas nas Rías Baixas.
Fonte: RAG
Xosé Manuel Dopazo comparte a súa experiencia didáctica coa naonimia, acompañado na mesa por Andrea Santiso.
Fonte: RAG
Un momento da intervención de Xurxo Souto sobre a talasonimia da Coruña.
Fonte: RAG
Un momento da intervención de Xurxo Souto sobre a talasonimia da Coruña.
Fonte: RAG
A secretaria da Real Academia Galega, Ana Boullón, e a académica correspondente Luz Méndez, coorganizadoras da cita, interviñeron na mesa inaugural xunto a María Ángeles Tilve, directora do Museo de Pontevedra, e Rafael Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra, en representación das dúas institucións que apoian esta actividade desde a primeira edición, celebrada no ano 2016.
"Con este encontro queremos recoñecer e visibilizar traballos de recollida dun patrimonio que é parte da nosa identidade como pobo, achegas de gran calidade que se están a facer e que poden servir de inspiración a outras persoas. Tamén é un recoñecemento aos mariñeiros, ás mariscadoras, aos percebeiros xa retirados que gardan na súa memoria os talasónimos tradicionais, que cumprían as funcións que hoxe realizan tecnoloxías coma a do GPS”, lembra Ana Boullón. “Se as fontes orais son relevantes en calquera estudo de microtoponimia, moito máis o son no caso dos nomes propios do mar. Como non designan propiedades privadas que deban ser rexistradas no catastro, como sucede en terra coas leiras ou chousas, carecen adoito de tradición escrita”, engade.
Por iso a investigadora Helena Domínguez, estudosa do caso da Illa de Arousa e relatora do encontro, insiste en que os esforzos deben centrarse agora na recollida de campo, mentres sobreviven as últimas xeracións de informantes que accederon ao caudal toponímico mediante a transmisión oral. “Eu teño feito recollidas que son xa irrepetibles porque as fontes morreron. Precisamos xente con gana de recoller nomes e ben preparada para facelo, que saiba preguntar e conversar coa xente maior”, coincide Xosé Lois Vilar, director da Sección de Arqueoloxía e Historia do Instituto de Estudos Miñoráns é referente na recollida da toponimia e a talasonimia do Val Miñor, que participou na xornada compartindo estratexias para a difusión deste ben cultural.
O esforzo pagaría a pena. Se os estudos de talasonimia despegan, han darlle “moitas alegrías á lingüística galega”, augura Helena Domínguez. “Os nomes do mar teñen moito que mostrarnos en canto a substratos lingüísticos, procedementos morfolóxicos e sintácticos, dialectoloxía e léxico aínda non rexistrado nos dicionarios”, detalla.
Xornada da mañá
A cartografía histórica e o exercicio do poder
O programa da xornada comezou cunha ollada á cartografía histórica guiada pola profesora da Universidade de Santiago de Compostela María Ángeles Piñeiro Antelo, que realizou un repaso dos máis relevantes traballos centrados neste tipo de documentación como instrumento para o estudo da variación dos nomes do litoral galego ao longo do tempo, como o de Roselló i Verger de 2010, onde se analizan desde contribucións tan antigas como a carta portolana Pisana ata a Carta Xeométrica de Domingo Fontán. “O cabo Fisterra aparece en todas as cartas examinadas, aínda que con diferentes grafías, mentres que outros topónimos como Grova (O Grove) non se documenta ata 1462”, pon como exemplo.
Canto á actualidade, a especialista en análise xeográfica rexional recoñece que a toponimia mariña recibe menos atención ca terrestre na cartografía oficial. “As indicacións establecidas pola Comisión Especializada en Nomes Xeográficos [creada en 2007] abranguen só parcialmente nomes de portos e de accidentes costeiros. Para un estudo exhaustivo é necesario recorrer a fontes complementarias como cartas náuticas, portolanos ou mapas elaborados por institucións coma o Exército ou a Armada, que durante séculos tiveron a misión de garantir a seguridade na navegación e a coherencia na representación dos accidentes costeiros. A integración destes nomes na cartografía oficial e dixital é especialmente relevante nun contexto de globalización e navegación electrónica”, explica. Pero os nomes dos lugares tamén son parte da dimensión simbólica do mapa. “Poden ser persuasivos, lexitimar certas narrativas e ocultar outras. A toponimia, como a historia, adoita escribila quen exerce o poder”, reflexiona.
Da conversa cos informantes aos cadernos de marcas
Alén disto, a información toponímica dos documentos cartográficos non sempre coincide cos nomes que se usan nas comunidades locais e deixan ademais fóra centos, milleiros de nomes do mar de escala minúscula que estas crearon. Quizais polos prexuízos relacionados, o estudo da talasonimia quedou relegado a un segundo plano, analiza Helena Domínguez. “Non obstante, tanto desde unha perspectiva lingüística como etnográfica, o nome dun conciño chantado no medio dun porto arousán adquire a mesma importancia ca o nome dun océano”, valora.
A investigadora é autora de Cons, touzas e petóns: talasonimia da ría de Arousa, traballo merecedor do I Premio Luís Rei de Investigación en Cultura Marítima, e mais da guía que publicará a finais de ano a asociación cultural A Dorna sobre a toponimia da Arousa, tema sobre o que está a realizar a súa segunda tese de doutoramento, baixo a dirección do académico Gonzalo Navaza. Na X Xornada de Onomástica compartiu co público aprendizaxes adquiridas durante a súa recolleita, que atinxen tanto cuestións lingüísticas como sociolóxicas. Por exemplo, a importancia de ter en conta os polimorfismos, porque é ben frecuente que un mesmo accidente reciba denominacións diferentes segundo a procedencia dos falantes. “O Con Caghado da fala da Illa de Arousa corresponde á Mesa do Con dos mariñeiros do Grove e de Cambados. As pedras Sálvores ou Salvas do Grove son as Pedras Albas para os de Arousa. Por iso debe indicarse sempre a perspectiva dos informantes, e deberían consignarse as distintas formas dos obxectos xeográficos que pertenzan á esfera de dúas ou máis comunidades”, expón.
Canto ás fontes orais, propón traballar con grupos de mariñeiros e de mariscadoras maiores de setenta anos e buscar especialistas nos diversos oficios do mar e nas distintas zonas de pesca e marisqueo. Outra fonte fundamental –sinala– son os cadernos de marcas, que conteñen anotacións manuscritas dos mariñeiros e permiten acceder a unha gran riqueza de nomes, parte deles rexistrados só nesas páxinas que se adoitaban agochar coma tesouros e transmitir familiarmente, porque conteñen información para se orientar e localizar boas zonas de pesca.
Sobre as marcas do mar falou o patrón de pesca José Benito Rodríguez Álvarez, coñecido como Tito o Chirro, que se referiu ao caso das creadas polos vellos mariñeiros da Guarda, onde el mesmo naceu hai case oitenta anos. O Chirro comezou de neno na baixura, andou a costa galega de sur a norte, e tamén pescou na costa portuguesa e en África, ata se xubilar como patrón de pesca no Índico, pero segue moi activo como divulgador en proxectos como o da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro.
Con el compartiu mesa Xosé Lois Vilar Pedreira, neto doutro mariñeiro, Manolo o Gardés, e autor de Talasonimia da costa sur de Galicia. Divulgador incansable, Vilar louva a gran memoria de persoas como José Benito Rodríguez, que saben aínda hoxe nomear e localizar con precisión centos de talasónimos, mais advirte que o traballo do investigador non debe limitarse a rexistrar o nome e situalo no mapa. Cómpre insistir nas preguntas, guialas ben para descartar que un novo estea a tapar o tradicional, e tamén indagar as motivacións e historias que agochan.
Parte destas palabras son de significado escuro, pero moitas outras demostran a capacidade de observación e o coñecemento da natureza dos seus creadores: evocan o son do mar batendo nas pedras (A Bombardeira, A Pedra que Bole, A Roncadeira...); a riqueza do lugar en determinada especie O Laño do Congro, O Pracer do Rodaballo, O Porto das Caramuxas, O Baleal... Son tamén habituais nomes que lembran antigos protagonistas da vida cotiá local, antropónimos que identifican homes e mulleres que descubriron ou usaron eses lugares, como A Laxe da Felicia, onde se estendía o argazo a secar; ou puntos onde aconteceu algún naufraxio, como O Peito Ancho, alcuño da familia propietaria da lancha La Regente de Baiona, que se afundiu en 1900, repasa Xosé Lois Vilar.
Os nomes dos barcos e das bateas
O programa contou tamén cunha achega sobre os nomes dos barcos e das bateas das Rías Baixas a cargo da noiesa Lucía López Lires, axente do Servizo de Gardacostas de Galicia, e o cangués Aarón Otero Ferrari, ambos os dous estudantes do grao de Lingua e Literatura Galegas na Universidade de Santiago de Compostela. Lucía é outra gran coñecedora do mundo mar: antes de ser gardacostas foi mariscadora, como a súa nai, e traballou na lonxa de San Bartolomeu de Noia e en fábricas de conserva, mentres que Aarón ten tamén as raíces familiares no mar.
Xornada da tarde
A análise que realizaron os dous compañeiros de carreira indica que hai unha importante proporción de nomes de muller tanto no referente ás embarcacións como ás bateas. Adoitan estar inspirados en persoas e lugares próximos, son tamén frecuentes os relacionados co mundo do mar ou fenómenos atmosféricos e a miúdo presentan trazos dialectais. “Noia e Cangas comparten fenómenos fonéticos como o seseo ou gheada, e a isto hai que engadirlle o emprego de expresións ou frases típicas, ben desas zonas ou ben presentes en gran parte da xeografía galega”, resumen. Pero malia o que puidese parecer nunha primeira aproximación, no seu estudo constataron unha presenza de nomes en castelán “moito máis elevada”.
Sobre a naonimia tamén falou o docente Xosé Manuel Dopazo Entenza, cunha proposta de unidade didáctica para a súa análise dirixida ao alumnado da ESO. “O mar debería desempeñar un papel máis importante no noso calendario escolar. Traballar coa naonimia permítenos non só mostrar e exemplificar boa parte dos contidos curriculares, senón tamén enraizar a nosa historia e tradición no alumnado. Xogar como pequenos detectives a descubrir as motivacións que hai detrás deses nomes, decatarse do papel fundamental da diglosia á hora de nomear o noso instrumento de traballo, ou achar estatísticas detrás das tendencias que impelen a bautizar as embarcacións son só algunhas das posibilidades que ten a naonimia nas aulas de secundaria”, sostén.
O encontro rematou cunha intervención de Xurxo Souto. O músico e escritor coruñés, autor de libros que ollan o mar como O retorno dos homes mariños e Contos do mar de Irlanda, púxolle o ramo ao programa cunha intervención titulada A ruta de Ulises Fingal, en referencia ao pseudónimo literario do singular pintor do mundo mariño Urbano Lugrís (1908-1973). Souto compartiu os nomes que gardou na memoria e legou Milucho Mariñas, percebeiro nado na Agra de Santo Amaro e coñecedor de todas as pedras de percebe “desde Avilés a Corrubedo”.