A volta ás Letras en cincuenta días

Os xardíns de San Carlos, na Coruña, acolleron na tarde do 1 de xuño a presentación do proxecto que reuniu deseñadores e escritores galegos para conmemorar os 50 anos do Día das Letras Galegas.
Varias persoas pasean entre os crteis expostos
Varias persoas pasean nos xardíns de San Carlos entre os carteis


Os cincuenta carteis realizados por cincuenta deseñadores e cincuenta escritores para conmemorar os homenaxeados nos cincuenta anos do Día das Letras Galegas presentáronse onte, nunha exposición, a ceo aberto, nos Xardíns de San Carlos, da Coruña.

Os carteis, fincados na terra mediante mastros de madeira que os erguían outorgándolles protagonismo, podían ser vistos nun e noutro sentido do percorrido, pois estaban expostos polas dúas caras. Máis de cen persoas, entre deseñadores, escritores, personalidades da cultura e público xeral, asistiron á celebración que escolleu como palco o corredor circular que asoma á ría da Coruña.

Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Academia; Euloxio Rodríguez Ruibal, arquiveiro-bibliotecario; Francisco Fernández Rei, vicesecretario; e Manuel González González, tesoureiro, representaron á institución. Manuel Gónzalez González abriu e presentou o acto, salientando a iniciativa como "unha das poucas ocasións onde se puideron dar cita un gran número de axentes e entidades culturais, sendo quen de involucrar a 100 creadores que actuaron con total liberdade e xenerosidade". A seguir, deu a palabra aos representantes das asociacións participantes, comezando por Belén López, representante da Asociación de Editores, que leu o manifesto conxunto en nome de todas as entidades participantes. Posteriormente, Marcos Dopico, presidente da Asociación de Deseñadores, agradeceu o convite da Academia e a colaboración do resto das entidades que conformaron o proxecto. Pola súa banda, Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, agradeceu o convite e definiu ás cincuenta figuras homenaxeadas como "fundadores da nación", ao tempo que reivindicou o pouco valorado labor dos escritores e dos traballadores da cultura. Por último, Jacobo Bermejo, presidente da Asociación de Artes Gráficas, felicitou á Real Academia Galega polo cincuenta aniversario do Día das Letras e pola iniciativa que se estaba a presentar. Asemade, salientou o papel dos impresores como transmisores da cultura, lembrando a figura do comprometido editor, Ánxel Casal.

Por parte dos deseñadores participantes interviñeron Xosé Salgado, que recuperou a idea de Cunqueiro ao reclamar "1.000 carteis máis para a lingua galega"; Cibrán Rico e Xesús Vázquez, que afondaron na idea de traballo e creación conxunta que supuxo a iniciativa; e Estevo Carballido, que salientou a actualidade da palabra dos homenaxeados. Na quenda dos escritores, Xavier Seoane, Chisco Fernández Naval, Mercedes Queixas, Manuel Lourenzo e Cesáreo Sánchez, nesta orde, leron cadanseu texto creado para unha figura das Letras Galegas.

Conxunto de seis imaxes representativas do discorrer do acto
Diversos momentos do discorrer do acto


O presidente da Academia pechou o acto destacando o papel motor da Academia nesta iniciativa, así como a importancia do traballo mancomunado, no que tamén incluíu o esforzo invisible dos distribuidores, dos profesores e dos alumnos que empregaron os carteis para reivindicar e aprender da cultura galega. Por último, antes de pechar o acto, Méndez Ferrín lembrou a Rosalía, que nos mesmos xardíns conta cunha placa cun poema seu dedicado a Sir John Moore, e a conexión entre Galicia, Escocia, Gales e Cornualles que subxace en boa parte da nosa literatura.


Fotografías para descargar [ZIP de imaxes en JPG, 240 ppp]:

Reportaxe do acto "A Volta coas Letras" 1 [6,4 Mb]
Reportaxe do acto "A Volta coas Letras" 2 [4,3 Mb]