A vida de Francisco Fernández del Riego nas pantallas

A Rede énchese estes días de contidos sobre a vida e a obra do protagonista do Día das Letras Galegas 2023 en distintos soportes, tamén o audiovisual. A Real Academia Galega produciu Francisco Fernández del Riego, o que nunca se rendeu, un documental de seis episodios que pode verse nesta páxina web, e que será tamén emitido pola TVG. Youtube tamén dá acubillo a esta serie documental e a outras creacións como Don Paco, un dos nosos, realizado polo Colexio Miralba – Xesuitinas de Vigo, no que participa a irmá do homenaxeado Ana María Fernández del Riego; e mais un videoclip de Samuel Soto quen, como cada ano por estas datas, tamén lle dedica unha canción ao protagonista do vindeiro 17 de maio.

Dende o ámbito escolar, o CEIP do Carballal (Marín) segue coa súa tradición e dedícalle a Del Riego unha canción con coreografía propia e o Colexio San Pío X de Ourense recunca cunha nova biografía audiovisual ilustrada para o autor ao que a RAG lle dedica este ano a conmemoración que el mesmo propuxo crear hai sesenta anos.

Youtube tamén ofrece dende hai tempo gravacións xa históricas do propio Fernández del Riego, dende a súa intervención no cemiterio de La Chacarita de Buenos Aires na memoria de Castelao, subida á Rede polo Consello da Cultura Galega, ata entrevistas a don Paco da TVG e da AELG, ás que se suman nestas datas distintas conferencias sobre a súa figura como a pronunciada hai uns días por Camiño Noia en Gondomar para o Instituto de Estudos Miñoráns.