O volume foi presentado polo director do departamento de Filoloxía Galega, o académico correspondente Francisco Cidrás, no acto de celebración do Día das Letras Galegas da USC, que tivo lugar este mércores no salón nobre do Colexio de Fonseca. A edición está ao coidado da profesora María Xesús Nogueira, quen pronunciou un relatorio no que repasou as distintas facetas de Xela Arias, dende a literaria á de tradutora e editora.
Xela Arias. A literatura e a vida, por elección reúne nunha primeira parte sete achegas da propia María Xesús Nogueira, Xulián Maure, Ana Iglesias, Xosé Lois Gutiérrez Faílde, Montse Pena Presas, Dolores Vilavedra e o académico Ramón Lorenzo, que fai un repaso da historia de Dorna e xunta os poemas que a homenaxeada publicou entre 1982 e 1987 nesta revista, onde tamén viu a luz unha escolma da tradución ao galego de Xela Arias de Cabalum de Carlos Oroza.
O apartado de prosas soltas, ao coidado de María Xesús Nogueira, descobre a Xela Arias narradora a través de textos ata o momento de difícil acceso. Tras o relato de infancia “A fraga dos paxaros faladores e a fraga leopardicia” (1973), continúa con "Por anticipado recaída dun mal que impide o vóo" (1986), un relato publicado no suplemento Pharo de Bego que aborda o tema do maltrato desde unha escrita experimental; artigos de opinión da autora no Atlántico Diario e o Xornal Diario e intervencións na TVG e pregóns, entre outros textos.
O volume remata cos testemuños sobre a pegada de Xela Arias nas novas xeracións de escritoras como Susana Sánchez Aríns, Olga Novo, María Reimóndez, Yolanda Castaño, Emma Pedreira, Antía Otero, Oriana Méndez, Andrea Nunes Brións, Lara Dopazo Ruibal, Alicia Fernández e Berta Dávila.
A USC reivindicou no acto do Día das Letras Galegas os "trazos de disidencia, iconoclastia e modernidade" que perfilaron a obra da autora, e tamén o seu compromiso coa lingua galega. A celebración contou coa presenza da nai e o fillo de Xela Arias, Amparo Castaño e Darío Gil Arias, e o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes.