A sección de publicacións ofrece en copia dixital a publicación das xornadas de onomástica sobre “os outros nomes”

A Real Academia Galega incorporou ao seu catálogo de libros en versión dixital o volume que recolle as achegas da IX Xornada de Onomástica Galega, dedicada aos chamados “outros nomes”, etiqueta que designa aqueles propios que non son nin de persoa nin de lugares. Os nomes da ciencia, da intelixencia artificial e do ceo, os nomes dos grupos de pandeireteiras e dos fazines e mais os das mascotas centraron os relatorios do encontro celebrado o pasado 19 de outubro no Museo de Pontevedra, nos que agora os autores e autoras afondan nas páxinas deste novo título dispoñible na sección de publicacións.

Na primeira parte do volume Estudos de Onomástica Galega IX Os outros nomes, “Nomeamos o que investigamos”, o neurocientífico e divulgador Xurxo Mariño pon de relevo a fronteira ás veces difusa entre a terminoloxía e a onomástica da ciencia; as filólogas Adina Ioana Vladu, Elisa Fernández Rei e Noelia García e a enxeñeira Carmen Magariños, do Proxecto Nós, explican o proceso de creación dunha voz sintética para producir textos orais a partir de textos escritos e detéñense nos procesos de elección de antropónimos como Celtia para designar voces artificiais; e o divulgador Martin Pawley expón como a colaboración da comunidade científica e a RAG é importante para mellorar e precisar as definicións das voces do dicionario.

Na segunda parte, “Nomeamos o que creamos”, a filóloga e tocadora Noemí Basanta analiza os nomes de preto de medio milleiro de grupos de grupos de pandeireteiras e o xornalista Ramón Mariño examina os títulos dos fanzines galegos dende 1990. Por último, coma nos libros anteriores, exponse a experiencia didáctica da xornada, desta volta a que desenvolveu co seu alumnado a profesora eumesa Anxos García Fontes arredor dos nomes de animais domésticos. Na súa presentación deste traballo, o académico correspondente Antón Palacio lembra ademais algúns dos nomes tradicionais dados aos cans.

A RAG celebra dende 2016 as Xornadas de Onomástica Galega contando coa colaboración da Deputación de Pontevedra e do Museo de Pontevedra, que acolle no Edificio Castelao unha cita aberta tanto ao público especialista na materia coma ao xeral. Todos os volumes que recompilan os traballos presentados nestas citas poden descargarse no apartado de Onomástica da sección de publicacións de academia.gal.