A Sección de Literatura convoca seis novas voces da narrativa para dialogar sobre o proceso da escrita

Seis autoras e autores por baixo dos 40 anos de idade protagonizarán o vindeiro martes, 21 de novembro, na Fundación Luís Seoane (rúa San Francisco, 27 – A Coruña) Voces da narrativa, o primeiro dunha serie de encontros sobre este xénero organizados pola Sección de Literatura da Real Academia Galega. A cita, de entrada libre, arrincará ás 17:00 horas e consistirá en tres diálogos sobre o proceso da escrita entre Berta Dávila e Brais Lamela, Alberto Ramos e Sica Romero, e Fabio Rivas e Cecilia F. Santomé. As conversas serán presentadas polos coordinadores do programa, a directora da sección, Marilar Aleixandre, e a académica de número Chus Pato e o académico correspondente Ramón Nicolás. 

Voces da narrativa poderá seguirse tamén en directo dende esta páxina web e a canle de Youtube da institución, que celebra esta xornada co apoio económico da Xunta de Galicia e do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

O diálogo entre Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987) e Brais Lamela (Vilalba, 1994) partirá de Illa Decepción (2020), obra coa que a autora gañou por segunda vez o Premio de Narrativa Breve Repsol, e Ninguén queda (2022), a primeira novela do vilalbés, recoñecida co Premio da Crítica en lingua galega.

Alberto Ramos (Santiago de Compostela, 1986) falará sobre Os corpos dos Romanov (2022), Premio Narrativa Breve Repsol, con Sica Romero (Carnota, 1995), que compartirá reflexións sobre o proceso de creación do seu primeiro libro, Avelaíñas eléctricas (2022), último Premio San Clemente de novela en galego.

Cecilia F. Santomé (Vilalba, 1984) conversará a partir da súa primeira novela, Quérote. Eu tampouco (2019) con Fabio Rivas (Pontevedra, 1997), que publicou este ano o seu primeiro libro, o volume de relatos A pintura debida (2023).