A revista 'Murguía' achégase á Biblioteca da RAG a través da Rede

"Sen dúbida, a Biblioteca da RAG é a mellor biblioteca para o estudo das letras galegas no século XIX, con monografías e publicacións periódicas, constituíndo unha gran biblioteca virtual galega". Así o salienta o artigo, asinado por Pedro Incio, que a revista Murguía lle dedica á Biblioteca da Academia desde a perspectiva das chamadas humanidades dixitais. O autor analiza a historia da dixitalización de fondos, examina a oferta a través da páxina web academia.gal e realiza tamén suxestións.
Cuberta do número 32 de Murguía. Revista
Galega de Historia
.

Para a redacción do artigo, publicado na sección Museos e Arquivos do número 32 de Murguía. Revista Galega de Historia, Pedro Incio tamén se entrevistou con técnicos da Academia e consultou os informes anuais publicados no Boletín da Real Academia Galega. O texto empeza cun breve repaso á historia da Biblioteca, fundada en 1905 -con César Vaamonde Lores como primeiro arquiveiro-bibliotecario- e que a día de hoxe conta cun fondo de máis de 60.000 volumes, para logo profundar na dimensión dixital.

O autor recorda que a informatización da Biblioteca comezou en 1991 coa elaboración dos seus catálogos a partir de normais internacionais, mentres que a biblioteca dixital en sentido estrito empezou a existir en 2003 coa dixitalización de parte do fondo galego, a través dun convenio coa Fundación Barrié.

En 2009 o proceso de dixitalización recibiu un novo pulo coa incorporación de 811 monografías e 56 revista, a través dun convenio coa Cidade da Cultura, e do Boletín da Real Academia Galega (de 1906 a 1980) e da colección de documentos históricos, cunha axuda do Ministerio de Cultura. Na actualidade, todos os números do Boletín poden consultarse en academia.gal, onde tamén están dispoñibles en versión dixital publicacións periódicas e 120.000 páxinas de monografías do século XIX. "A RAG achega, deste xeito, unha ferramenta fundamental para o estudo da nosa historia e da nosa cultura ao longo do século XIX", indica Pedro Incio.

O autor considera ademais que a páxina web da Biblioteca fai "un bo uso das posibilidades que ofrece a Rede" para informar non só das coleccións dixitais, senón tamén da súa historia.