A revista máis barata e máis amena

Os promotores de 'Patria Gallega. Revista semanal ilustrada' coñecían ben a fórmula dos diarios da época. "Redúcese ésta á inflar media docena de telegramas con bastante menos trabajo del que se emplea para hinchar un perro; redactar unos cuántos sueltos vulgares rellenos de epítetos laudatorios; echar á un lado los asuntos de interés general (...) y por último, y esto es lo más importante, provistarse de unas tijeras de sastre, cuanto más grandes mejor, para meter impunemente la hoz en el sembrado ajeno y poder llenar así el granero propio", ironizaba o editorial do número 1. Pero a aposta na efémera vida da publicación foi outra, e non só pola periodicidade. O humor foi ingrediente habitual para criticar de todo, incluída a política.
Patria Gallega. Revista semanal ilustrada
Ilustración do número 6 de 'Patria Gallega'. Fonte: Hemeroteca virtual da Real Academia Galega


Patria Gallega. Revista semanal ilustrada saíu á rúa por primeira vez en Vigo o 11 de agosto de 1906 e mantívose no mercado, segundo os números coñecidos, ata finais de setembro. Entre os seus colaboradores, contou con Amador Montenegro, membro fundador da Academia e editor de A Monteira, unha das poucas publicacións periódicas en galego a finais do século XIX (1889-1890); os tamén xornalistas e académicos correspondentes Juan Neira e Enrique Labarta, o poeta Pío Lino Cuíñas e Rafael Fuembuena, autor de moitas das ilustracións.

A revista anunciábase como "la más amena y la más barata" (podía mercarse por 10 céntimos os sábados, "los días de limpieza", dicía na súa presentación), pero nela non todo era humor. O primeiro número reproducía na portada o monumento a Concepción Arenal para o cemiterio de Pereiró, obra que aplaudía en páxinas interiores, nas que Amador Montenegro tamén reflexionaba con fortes doses de crítica sobre o futuro do país nun artigo titulado Galicia contra Galicia.

A hemeroteca virtual da Real Academia Galega permite consultar desde calquera lugar seis dos oito números coñecidos de Patria Gallega, que se imprimiron na Litografía M. Reymóndez de Vigo. A revista viviu pouco tempo, como todas as do seu xénero, apunta Uxío Carré Aldao nun artigo sobre a imprenta e o xornalismo en Vigo, publicado no Boletín da RAG de xuño de 1919.

A Academia conserva nos seus fondos máis de 2.500 cabeceiras de revistas publicadas ao longo de douscentos anos, parte deles dispoñibles na hemeroteca virtual. Os números históricos do Boletín da Real Academia Galega tamén están dispoñible a través da páxina web da institución.