A revista 'La Tribuna' achégase á primeira tradución dunha novela de Pardo Bazán ao xaponés

A tradución por primeira vez ao xaponés dunha novela de Emilia Pardo Bazán é un dos temas abordados no novo número da revista La Tribuna. Cadernos de Estudos da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán. Na presentación da publicación, celebrada hoxe na Real Academia Galega, participou por videoconferencia o autor deste traballo, Eizo Ogusu, quen explicou a débeda pendente que el mesmo empezou a saldar coa condesa rebelde no seu país ao verter Los Pazos de Ulloa á súa lingua. "A miña tradución non é máis ca un paso, un intento para avivar o interese do público xaponés por coñecer a Emilia Pardo Bazán. Igual ca dona Emilia, seguirei combatendo as convencións e os prexuízos da sociedade xaponesa ata o día en que ela cobre o seu verdadeiro valor", salienta o profesor da Universidade de Meiji.

Pola esquerda, o director da revista, o académico Xosé Ramón Barreiro Fernández; María del Carmen Colmeiro Rojo, condesa de Pardo Bazán; Xesús Alonso Montero, presidente da RAG; Patricia Carballal Miñán, subdirectora de La Tribuna; e Cristina Patiño Eirín, secretaria da publicación. Ao fondo, na pantalla, Eizo Ogusu, que interveu por videconferencia. Autor: RAG


O director de La Tribuna, Xosé Ramón Barreiro Fernández, presentou o novo número xunto ao presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; as subdirectoras da publicación, Pilar Couto Cantero e Patricia Carballal Miñán; a secretaria, Cristina Patiño Eirín e o propio Eizo Ogusu a través de conexión dixital desde a súa universidade.

O responsable da publicación manifestou a súa satisfacción polo momento que vive a revista e o traballo desenvolvido polo seu equipo. "La Tribuna foi acadando pouco a pouco un espazo que cómpre conservar, penso que xa ten suficiente forza para presentarse con autonomía e forza", salientou Xosé Ramón Barreiro. Xesús Alonso Montero louvou tamén o traballo dos investigadores e investigadoras especializados en Pardo Bazán e a súa contribución ao incremento do coñecemento da vida e obra dunha escritora de "gran talento" que "aínda non é recoñecida no mundo, sobre todo no mundo hispánico, como debera estar". Quixo ademais recordar a profesora Ángeles Quesada Novás, colaboradora da revista de cuxo pasamento se da conta neste número.

Saldando unha débeda pendente con Pardo Bazán
O profesor nipón Eizo Ogusu asina un artigo no que profunda na débeda que aínda ten Xapón pendente coa ilustre escritora coruñesa. Ata o momento, explicou, só se traduciran seis contos da súa autoría en tres antoloxías: "Las tijeras", "La sirena", "Hijo del alma", "La Chucha" e "El revólver". Esta realidade contrasta coa doutros escritores españois da mesma xeración, todos eles homes, que xa teñen desde hai tempo nas librarías xaponesas as súas obras máis destacadas. El sombrero de tres picos, de Alarcón, pode lerse en xaponés desde 1939; Pepita Jiménez, de Juan Valera, desde 1978; La Regenta, de Clarín, desde 1989; e Fortunata e Jacinta, de Galdós, desde 1998.

Los pazos de Ulloa inclúe en xaponés os apuntamentos autobiográficos da propia escritora, cuxa riqueza lingüística non fixo doado traducila ao xaponés. "Tiven varias dificultades para traducir o texto sen menoscabo da súa riqueza polifónica: como transcribir palabras específicas de Galicia (o tostado, o hórreo…) sen poñer demasiadas notas? (…) Como reflectir no xaponés estándar o galeguismo que é un tesouro en Los Pazos?", detalla Eizo Ogusu na revista.

Outros contidos
Alén da nota de Eizo Ogusu, o número 11 da revista La Tribuna inclúe achegas de Ricardo Virtanen sobre os intentos da novelista por acadar un posto na Real Academia Española, da que sempre a separou a súa condición de muller; outra de Xosé-Carlos Ríos sobre a relación de autora coa ópera; un traballo de Rocío Charques sobre a presenza da escritora na revista francesa Revue politique et littéraire. (Revue Bleue), e outro de Marcial Martelo centrado na historia e a orixe do título de Condesa de Pardo Bazán.

Noutro apartado, María del Mar Novo rescata un novo conto da autora non rexistrado ata o momento, publicado na Unión Ilustrada de Málaga; Mercedes Fernández-Couto dá conta de novos documentos sobre Emilia Pardo Bazán adquiridos polo arquivo da RAG, e o Grupo de Investigación "La Tribuna" publica varios documentos descoñecidos, facilitados polo seu propietario, Carlos de Odriozola, sobre o asasinato da avoa paterna de Emilia Pardo Bazán, tema ao que xa lle dedicara un traballo tamén aparecido nesta revista.

Un artigo de María Aránzazu Guzmán sobre a súa tese, dedicada ao estudo da oratoria de Emilia Pardo Bazán; un repaso de Pedro Incio á presenza das publicacións da coruñesa nas bibliotecas virtuais e como a súa obra se está a difundir grazas as novas tecnoloxías da información e varias recensións completan o número 11 da revista.

Cristina Patiño Eirín foi a encargada de repasar estes contidos nunha intervención na que tamén tivo palabras de recordo para a profesora Ángeles Quesada Novás. Pilar Couto deu conta da boa acollida da edición dixital de La Tribuna, cun crecente número de visitas desde todos os continentes, e Patricia Carballal lembrou, na véspera do Día Internacional da Muller, que Emilia Pardo Bazán foi "unha precursora na reivindicación do traballo feminino", reflectido na novela que hoxe lle dá nome á revista de estudos dedicada á súa figura.