A 'Revista Galega de Ensino' analiza a situación da lingua na etapa infantil

A Real Academia Galega acolleu onte á tardiña a presentación pública do número 65 da Revista Galega de Educación, editada polo movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega. A entrega céntrase na situación da lingua galega na etapa de infantil e achega unha serie de traballos que constatan a preocupante situación do noso idioma neste tramo de idade, vital para o seu futuro. Xaquín Loredo, investigador do Seminario de Sociolingüística da RAG, é autor dun dos artigos, que indica que a familia esta a perder peso lingüístico fronte a outros contextos externos.

De esquerda a dereita, Antón Costa, Mariló Candendo, Henrique Monteagudo e Xaquín Loredo durante a presentación. Autor: RAG


O secretario da RAG, Henrique Monteagudo, acompañou na mesa de presentación a Mariló Candedo, presidenta de Nova Escola Galega; Antón Costa, membro do consello de redacción da revista; e Xaquín Loredo.

Henrique Monteagudo salientou que a infancia e a mocidade "son o primeiro" á hora de establecer prioridades na política lingüística, porque "non hai dúbida de que o futuro do idioma está na transmisión interxeracional", un factor chave no que non se pode descargar toda a responsabilidade sobre as familias, advertiu. "Ás veces cúlpase as familias, cando mesmo aquelas que queren educar os fillos e fillas en galego teñen moitas dificultades, entre outras cousas porque o sistema educativo non acompaña", declarou.

Mariló Candedo explicou que o novo volume da revista pretende contribuír á reflexión no mundo educativo, e en toda a sociedade, sobre a lingua propia na educación dos máis pequenos, "que está atravesando un momento realmente malo", marcado no ámbito escolar polo chamado Decreto do plurilingüismo. A profesora da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña considerou que, entre outras cuestións, é preciso traballar na formación dos formadores para reforzar a transmisión do galego no ensino. "O labor normalizador [na escola] todavía se desenvolve con elevadas doses de voluntariedade, é preciso máis apoio institucional", demandou.

O número 65 da revista recolle tanto reflexións teóricas sobre a aprendizaxe de idiomas como traballos de análise da situación real das linguas na etapa de educación infantil e un importante banco de experiencias postas en marcha por profesionais da educación. "Preocupámonos por mostrar experiencias positivas, todas fermosas, que demostran que tamén hai esperanza", indicou Antón Costa. O profesor da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela tamén botou en falta "un traballo máis decidido por parte da Administración, que supere a idea de que o galego é non só un dereito de liberdade, senón tamén un patrimonio que paga a pena e que hai sobre el unha responsabilidade colectiva".

Por último, Xaquín Loredo expuxo as principais conclusións do artigo co que participa na revista, titulado Estabilidade e cambio da lingua de transmisión familiar nos usos lingüísticos da poboación infantil galega. En contraste con outras análises referidas aos anos 90, amosa que a familia ten cada vez menos influxo na transmisión do idioma propio polo novo contexto social. "Hai anos, o peso da familia era moito maior, pero agora o contexto externo ten cada vez máis peso lingüístico, porque hai máis implicados: as actividades extraescolares, os programas de madrugadores, o comedor escolar… A familia ten un peso importante pero tamén o resto", dixo.

Entre as conclusións que achega o traballo do investigador do Seminario de Sociolingüística da RAG, apúntase que os procesos castelanizadores "teñen un impacto maior" entre a poboación máis nova. Distintos datos reflicten a gravidade da situación: só se lle transmite a lingua galega a un terzo dos nenos nados no século XXI e estes utilizan maioritariamente o castelán en todos os contextos de socialización onde se desenvolven diariamente, incluído o educativo, tal que así, oito de cada dez pequenos falan en castelán cos amigos.