A relación entre Filgueira Valverde e Pontevedra abre o ciclo dedicado á súa figura

A pegada que deixou Xosé Filgueira Valverde na súa cidade centrou as dúas primeiras mesas redondas do ciclo dedicado á súa figura, celebradas os pasados días 10 e 11 no Museo de Pontevedra, institución que dirixiu durante décadas. "O seu papel no Museo foi esencial", lembra o actual director, Carlos Valle, coordinador da actividade do ciclo desenvolvida en Pontevedra.

Público asistente á mesa redonda do día 10. Foto: David Freire/Diario de Pontevedra


A Real Academia Galega, o Museo de Pontevedra, o Consello da Cultura Galega e a Fundación Barrié colaboran na organización do ciclo Filgueira Valverde na cultura galega do século XX, que afondará no amplo legado do protagonista do Día das Letras Galegas de 2015 cun programa que se desenvolverá entre Pontevedra, Santiago e A Coruña ao longo de cinco xornadas do mes de novembro. O propio Carlos Valle participou na mesa redonda do día 10 cun relatorio sobre o contexto cultural pontevedrés que viviu Filgueira Valverde no que lembrou que a súa dedicación ao Museo de Pontevedra foi fundamental para a súa consolidación. "Foi o secretario técnico do padroado fundacional, constituído en 1929, e estivo vinculado ao Museo durante toda a súa vida, ata que faleceu en 1996. Polo tanto, foi a iniciativa con maior dedicación temporal ao longo da súa vida", apunta Carlos Valle.

Xermán Torres de Aboal abordou nesta primeira mesa o contexto educativo no que viviu Filgueira Valverde, profesor do Instituto de Pontevedra, o actual IES Sánchez Cantón, do que tamén foi director. Filgueira Valverde iniciou a súa carreira docente neste centro en 1928, como axudante interino da Sección de Letras. En 1935 gañou por oposición o posto de catedrático de Lingua e Literatura Española, con destinos administrativos en Barcelona e Melilla. Pero non chegou a afincarse nestes lugares e axiña recalou no Instituto de Lugo, ata que en 1939 retornou ao Instituto de Pontevedra, onde permaneceu ata a xubilación, en 1976.

Rafael López Torre abordou, pola súa banda, o contexto político. Alcalde de Pontevedra entre 1959 e 1968, quizais unha das achegas máis significativas de Filgueira Valverde, desde o punto de vista monumental, sexa a conservación da cidade vella.

A mesa redonda do día 11, baixo o título Pontevedra en Filgueira Valverde, afondou nas investigacións que desenvolveu en relación coa cidade. Xosé Fuentes Alende puxo o foco nas relacionadas coa historia e a tradición; Xosé M. López Vázquez, nas dedicadas ás manifestacións artísticas e María Mercedes Álvarez Lires centrouse na figura de Sarmiento.