A directora da Sección de Literatura da RAG, Marilar Aleixandre, conducirá o acto, organizado co apoio da Deputación de Pontevedra e o do Concello de Nigrán. A sesión arrincará coas palabras do presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o alcalde do Concello de Nigrán, Juan González Pérez. O académico Xesús Alonso Montero pronunciará a laudatio do homenaxeado e os tamén membros da RAG Ramón Lorenzo e Ana Romaní recitarán versos da súa autoría xunto a Xosé María Álvarez Cáccamo, Alexandre Ripoll, Lucía Novas, Alexandre Nerium, Marta Dacosta, Elvira Ribeiro, Héitor Mera e Miro Villar. Tamén participarán no recitado Rosalía e Navia Franco Barreiro, fillas de Xosé Luís Franco Grande (1936-2020), que tiña previsto participar nesta homenaxe ao seu amigo que tivo que ser posposta pola pandemia.
Bernardino Graña pertence á xeración das Festas Minervais da Universidade de Santiago de Compostela, nas que foi premiado en distintas ocasións, e foi un dos integrantes do Grupo Brais Pinto nos anos en que seguiu a estudar en Madrid xunto a Xosé Luís Franco Grande, Ramón Lorenzo, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Fernández Ferreiro e Reimundo Patiño, entre outros intelectuais e artistas que pularon pola renovación da cultura galega en pleno franquismo.
O seu primeiro libro, Poema do home que quixo vivir (1958), foi editado polo propio Grupo Brais Pinto. A anguria existencial daquel poema “negro” daría logo paso, nas súas propias palabras, á “clara” Profecía do mar (Galaxia, 1966), páxinas nas que emerxe o poeta do mar e os mariñeiros, dúas constantes na súa traxectoria con fonda pegada noutros títulos como Se o noso amor e os peixes Sar arriba andasen (1980) e Sen sombras e sen amor (2004).
A produción literaria de Bernardino Graña, recoñecida con numerosos galardóns, abrangue tamén o teatro e a narrativa para o público adulto, dende os relatos de Fins do mundo (1973) á súa primeira novela, Protoevanxeo do neto de Herodes (2005) -gañadora do Premio Eixo Atlántico-, A fuga a Exipto (2016) ou os contos reunidos n’Os toliños da Costa da Morte (2020). Pero como narrador ten publicado sobre todo obras dirixidas ao público infantil, máis dunha vintena de volumes dende que se fixera co premio do II Concurso Nacional de Contos Infantís O Facho con O león e o paxaro rebelde (Galaxia, 1969).
Bernardino Graña é membro da Real Academia Galega dende o ano 2010. O escritor ingresou na institución, nun acto celebrado en Cangas do Morrazo, cun discurso titulado Contos populares e Rosalía.
A RAG organiza a homenaxe a Bernardino Graña co apoio do Concello de Nigrán e a Deputación de Pontevedra.