A Real Academia Galega lamenta o pasamento do expresidente Xosé Ramón Barreiro Fernández

A Real Academia Galega expresa o seu fondo pesar polo pasamento de Xosé Ramón Barreiro Fernández, presidente da institución entre 2001 e 2009. O académico, nado en Ribeira en 1936, faleceu esta madrugada na Coruña. Xosé Ramón Barreiro Fernández era catedrático de Historia Contemporánea da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela e un prestixioso especialista na vida política e social do século XIX e na historia cultural e institucional do país. Segundo deixou dito, entendía a investigación histórica como un “servizo intelectual socialmente útil”, e como historiador asumiu a súa “responsabilidade intelectual como un compromiso coa ciencia, que axuda a interpretar o pasado do meu país”. 

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, manifesta en nome da institución o fondo pesar pola perda do profesor Barreiro. “Foi un compañeiro activo e comprometido coa institución, á que dedicou moito esforzo e moito tempo. Botarémolo moito de menos”, expresa. Xosé R. Barreiro asumiu como presidente, entre decembro de 2001 e decembro de 2009, “unha etapa moi importante de renovación e modernización da Academia, que se iniciara no período como presidente de Francisco Fernández del Riego, con quen foi tesoureiro”. Víctor F. Freixanes salienta tamén o seu papel como historiador dentro e fóra da RAG. “Foi un membro destacado da xeración de historiadores que anovaron o estudo desta ciencia en Galicia a partir de década dos 80. Prestou especial atención a capítulos importantes da historia contemporánea de Galicia e da súa cultura, e á preservación da memoria da Academia, con achegas tan relevantes como a biografía do primeiro presidente da RAG, Manuel Murguía”.

A vinculación de Xosé Ramón Barreiro Fernández coa Real Academia Galega remóntase ao ano 1971, cando foi nomeado membro correspondente da institución. O 14 de febreiro de 1997 converteuse en académico de número, a proposta de Antonio Fraguas, Xosé Filgueira Valverde e Antonio Meijide Pardo, coa lectura do discurso O liberalismo coruñés: a segunda xeración (1823-1846). Tras ser tesoureiro da institución entre 1997 e 2001, durante a presidencia de Francisco Fernández del Riego, asumiu a presidencia entre 2001 e 2009, período no que se iniciaron os procesos de dixitalización de fondos e informatización dos recursos da Academia.

Como especialista na figura de Manuel Murguía, foi ademais coeditor do seu epistolario, as máis de 1600 cartas conservadas no arquivo da Real Academia Galega. O historiador exerceu tamén dende a Academia un papel destacado na divulgación da figura de Emilia Pardo Bazán como director do grupo de investigación La Tribuna da Casa- Museo Emilia Pardo Bazán, autora sobre a que escribiu diversos artigos.

Xosé Ramón Barreiro Fernández ingresou no seminario de San Martiño Pinario e proseguiu os estudos de Dereito Canónico na Universidade Gregoriana de Roma, onde se licenciou en 1963. Dous anos despois doutorouse na mesma universidade coa tese A perpetuidade subxectiva do beneficio eclesiástico, pola que recibiu a cualificación de Summa cum laude e a medalla de ouro da universidade. De regreso a Galicia, foi profesor no seminario e en 1974 rematou os estudos de Filosofía e Letras (Sección Historia) pola Universidade de Santiago de Compostela coa memoria de licenciatura La Ilustración en la Universidade de Santiago de Compostela, que acadou o premio extraordinario. Doutorouse en 1979 coa tese El campesinado gallego en la Historia contemporánea.

Unha frutífera carreira investigadora
O académico arrincou a súa carreira como docente da Universidade de Santiago de Compostela en 1974 e en 1985 converteuse no primeiro decano da facultade elixido de forma democrática. No curso 1985-1986 foi tamén vicerreitor da Universidade de Santiago de Compostela, co físico Carlos Pajares como reitor. En 1987 logrou a praza de catedrático de Historia Contemporánea, e nese mesmo ano pasou a ser director do Departamento de Historia II. Entre 1990 e 1991 foi vicerreitor de política cultural, durante o reitorado do tamén historiador e académico Ramón Villares. En 1994 recibiu a insignia de ouro da Universidade de Santiago de Compostela, da que foi profesor até a súa xubilación.

Como investigador, Xosé Ramón Barreiro Fernández deixa numerosos e rigorosos traballos sobre a vida política e social no século XIX e a historia cultural e institucional do país. Algunhas das súas obras destacadas nestes campos son El carlismo gallego (1976), Historia Contemporánea de Galicia (1981, Premio da Crítica en 1982), La imprenta en Galicia (1982), Historia de la imprenta en Galicia (1990), Os deputados de Galicia. Biografía de deputados e senadores (1810-2001) (2001) ou Historia da Universidade de Santiago (2001).

Na súa primeira etapa como investigador, Xosé Ramón Barreiro publicou obras relacionadas co dereito canónico como El origen litúrgico del Derecho Canónico (1965), La estabilidad del beneficio ou El trabajo manual del clero (1968). Tamén participou como relator en xornadas e congresos dentro e fóra de Galicia, e dirixiu os organizados sobre Estudos Xacobeos (1970), Rosalía de Castro (1985) e Ramón Otero Pedrayo (1988).

Entre 1970 e 1978 dirixiu o Centro de Estudos Xacobeos, que fundara en 1954 o cardeal Fernando Quiroga Palacios, así como a súa revista Compostellanum. En 1978 foi un dos refundadores do Seminario de Estudos Galegos, e foi secretario do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento. Foi membro da primeira directiva do padroado Rosalía de Castro e membro do Consello da Cultura Galega desde a súa fundación. Dentro desta institución, editou a revista de investigación Estudios Migratorios. En 2003 foi elixido membro do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses.

Recoñecementos
O labor de Xosé Ramón Barreiro foi recoñecido por distintas institucións. Recibiu o Premio da Crítica de Investigación en 1985 e 2000, o Premio Santiago da Televisión de Galicia en 1987 e a Medalla Castelao en 1991. En 2008, a Real Academia Galega, a Universidade de Santiago de Compostela e o Consello da Cultura Galega publicaron o volume A patria enteira: homenaxe a Xosé Ramón Barreiro Fernańdez. No ano 2010 recibiu o Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo, que editou con tal ocasión o volume Xosé Ramón Barreiro Fernández. Saber de nós.
Foi tamén membro correspondente da Real Academia da Historia, da Real Academia de Ciencias, de Bellas Letras y Nobles Artes de Córdoba.