José Luis Varela Iglesias estudou bacharelato en Ourense e foi parte, xunto a Pura Vázquez, Segundo Alvarado e Alfonso Alcaraz, do grupo Azor, promotor da revista Posío (1945-1946) que el mesmo dirixiu. Comezou os estudos de Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela e licenciouse en Madrid, onde foi discípulo de Dámaso Alonso e se doutorou en Filoloxía Románica pola Universidad Complutense con premio extraordinario. Pouco despois iniciou a súa etapa alemá, que o levou a traballar nos anos 50 do século pasado na Universidade de Colonia e no Instituto de España en Múnich.
De volta en España, exerceu como catedrático de Literatura Española nas universidades de La Laguna e Valladolid antes de regresar á Complutense. Alén do seu labor como docente e investigador, desempeñou diversas responsabilidades de xestión académica e ocupou, entre outros cargos, o de vicerreitor e primeiro decano da Facultade de Ciencias da Información desta última institución. Na etapa da Transición foi designado presidente do Comité de Prensa, Radio e Televisión da Xunta Electoral Central, papel polo que foi recoñecido coa Gran Cruz do Mérito Civil.
Varela Iglesias mantivo ao longo de toda a súa carreira o estreito vínculo que teceu na mocidade co mundo xermánico e foi profesor convidado das universidades de Colonia, Innsbruck e Salzburgo. Tras ser nomeado catedrático emérito da Complutense, exerceu como docente na Universidade de Texas en Austin.
Como crítico, o académico correspondente centrou os seus estudos na literatura española moderna, a literatura galega e as relacións literarias entre España e Alemaña. Autor dunha extensa obra, deixou títulos como Poesía y restauración cultural de Galicia en el siglo XIX (1958), Larra y España (1983), Tradición e innovación en Cunqueiro (1991) ou La transfiguración literaria (1970), ensaio gañador do Premio Nacional de Literatura Miguel de Unamuno.
Alén de pertencer á RAG, Varela Iglesias foi tamén membro correspondente da Real Academia Española e da Real Academia de la Historia. A Universidad Nacional del Sur da Arxentina investiuno doutor honoris causa en 1997 e no ano 2001 recibiu a Medalla de Galicia do Goberno galego.


