No encontro participaron por parte de Alingua o seu presidente, Ramón Varela Rodríguez, do Concello de Carballo; o secretario, Demetrio Gómez Xunqueira, do Concello de Pontevedra; e o tesoureiro, Gonzalo Castro, do Concello da Coruña; e mais Carme Pereiro, Xulia Rigueiro e Concepción Cochón, técnicas de normalización lingüística de Carballo, A Coruña e Pontevedra.
Entre outras cuestións, no encontro abordouse a posibilidade de cooperar na difusión do proxecto de acción e investigación Modo Galego, actívao!, posto en marcha pola RAG e o Concello de Ames, de cara á súa extensión a outros municipios. Henrique Monteagudo agradeceu o apoio na promoción desta iniciativa e amosou o interese da Real Academia Galega en proxectos compartidos entre concellos que promove Alingua como Enreguéifate, Youtubeiras, Club de Debate ou Apego.