O concurso, convocado coa colaboración do colectivo docente Galiza Visual, foi posto en marcha co dobre propósito de divulgar o léxico galego e potenciar ao mesmo tempo a creatividade, a capacidade de síntese e a aprendizaxe de conceptos mediante o chamado pensamento visual. Os centros participantes asumiron o reto de lles poñer imaxes ás palabras do día do Portal das Palabras dunha ou varias semanas do pasado mes de outono, dedicadas ao Día da Nena, o Samaín, a protección ambiental e o protagonista das Letras Galegas 2020, Ricardo Carballo Calero. “A palabra do día” é unha das seccións do portal creado pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié, onde ambas as institucións ofrecen recursos textuais, xogos interactivos e vídeos nos que se conecta a divulgación da lingua coa actualidade e outros temas de interese cidadán.
O xurado, composto pola académica Fina Casalderrey en representación da RAG, Diego Rodríguez pola Fundación Barrié e Diana Pastoriza en nome de Galiza Visual, destaca “a variedade, calidade e enxeño creativo” de todas as propostas recibidas. “Os e as concursantes conseguiron expresar moi ben o carácter de cada tema, acadando o enfoque conceptual, tal como se indicaba nas bases, dándolles sempre un toque persoal ás propostas, sen perderen a autenticidade e a frescura da rapazada tanto no deseño como na execución”. O xurado salienta e valora ademais a alta participación tanto dende parte dos centros gañadores como dende outros como o CEIP Ponte dos Brozos (Arteixo) ou o IES de Canido (Ferrol), e agradece o traballo do profesorado implicado a pé de aula e a través dos equipos de normalización e dinamización lingüística.
Os traballos premiados
O primeiro premio da categoría Infantil recaeu na aula de 6ª de infantil do CPI Fonte Díaz de Touro, que da man da súa mestra Rocío López Reyes conseguiu transformar as ánimas do Samaín en nubes e cultivar un fermoso calacú; e o segundo premio é para a aula 5ºA do CEIP Raquel Camacho pola súa creación sobre Ricardo Carballo Calero. O mestre Ramón París Lago traballou cos nenos e nenas desta clase para crearen unha serie de imaxes arredor do protagonista das Letras Galegas 2020 inspirándose en palabras do día como orador, narrador, poeta ou dramaturgo, e empregando acuarelas ou un collage con obxectos de uso cotián nas aulas.
Na categoría Primaria 1, (de 1º a 3º de primaria), o primeiro premio é para a aula de 3º do CEIP Daría González García (Pontevedra) que, baixo a titoría de Yolanda Ares Comba, amosou un importante dominio conceptual nun proxecto dedicado á celebración do Día da Nena que integra pictogramas para a atención á diversidade co obxectivo de explicar termos como feminizar e apoderamento; e o segundo premio lévao a aula de 1ºA do CEIP A Magdalena (As Pontes), con Eva María Blanco Bermúdez como titora, que soubo tamén expresar en imaxes conceptos plenamente abstractos arredor do Samaín como tebra ou medo.
O xurado decidiu concederlles o primeiro premio da categoría Primaria 2 (4º, 5º e 6º de primaria) aos nenos e nenas da aula de 4ºA do CEIP A Espiñeira-Aldán (Cangas), que se atreveron, co apoio da súa mestra Nuria Rodríguez Domínguez, tanto a poñerlle imaxes ao Samaín como a prepararen un mural sobre a igualdade de xénero e unha guía ilustrada para reflexionar sobre a importancia do coidado ambiental. O segundo galardón nesta categoría foi para a aula de 6ºB do CEIP de Vilaxoán, que concursou cun proxecto sobre o Samaín cheo de metáforas no que o medo se converte en tempo que esvara e mesmo se convoca ao corvo de Edgar Allan Poe.
Xa na categoría da ESO, concibida para a participación por centros, o primeiro premio recoñece o traballo do IES Miraflores dedicado ao Samaín. A profesora Ana Sogo López coordinou esta proposta do instituto de Oleiros en que a linguaxe plástica se serve tanto de técnicas tradicionais como da edición dixital. O xurado decidiu concederlle o segundo premio para a secundaria obrigatoria ao Instituto Español Vicente Cañada Blanch de Londres, outra marabilla arrepiante que foi posible da man do profesor de lingua e cultura galegas do centro, Andrés Temprano Ferreiro.