Todos eses perfís serán motivo de atención o ano que vén arredor dunha celebración que permitirá actualizar e ler a súa figura á luz de novos marcos de análise, e tamén ao abrigo dos afectos que a súa personalidade segue a xerar.
“Luísa Villalta é unha intelectual. A lóxica, a razón, o pensamento configuran o humus no que enraíza un dos trazos máis significativos da súa voz. Unha poeta do pensamento, en palabras de Pilar Pallarés [poeta da mesma xeración], que empregaba a poesía para pensar o mundo contemporáneo, como ten subliñado Arturo Casas”, expón a proposta sometida a votación este mediodía. “Os acentos da súa voz, os focos da súa obra, o alento da súa escrita fan dela unha autora que sorprende na singularidade e pon de relevo, unha vez máis e fóra de estereotipos, a amplitude do campo literario que se estende en trazos de autoras únicas”, prosegue o texto.
Dende a publicación da obra teatral Concerto para un home só (1989) nos Cadernos da Escola Dramática Galega ata o seu pasamento en 2004 -pouco despois de que fose premiado o seu poemario En concreto-, Villalta publicou máis de quince volumes: dende outras catro obras teatrais e o ensaio sobre o don Hamlet de Cunqueiro (1992) ata As chaves do tempo (2001), a súa última novela, e numerosos artigos de carácter xornalístico, alén doutros moitos textos diseminados por publicacións colectivas.
A poeta da Cidade Alta
Luísa Villalta naceu o 15 de xullo de 1957 na rúa Vila de Laxe da cidade da Coruña, espazo vital fundamental que deixaría unha fonda pegada na súa obra. Estudou primeiro no desaparecido colexio das Xosefinas, na rúa de Juan Flórez, e continuou a súa formación no Instituto Eusebio da Guarda. Titulada superior en violín, formou parte da Orquestra de Santiago de Compostela e da Xove Orquestra de Galicia, pero escolleu dedicarse ao ensino tras se licenciar pola Universidade de Santiago de Compostela na daquela Subsección de Galego-Portugués e, posteriormente, en Hispánicas.
En 1988 aprobou as oposicións de docente de Lingua e Literatura Galegas. Impartiu clases nos institutos Xosé Neira Vilas (Oleiros) e de Canido (Ferrol) antes de se incorporar definitivamente ao Isaac Díaz Pardo (Sada), onde promoveu unha intensa actividade cultural. Villalta compaxinaría en diante este labor profesional coa andaina literaria.
A poesía é o xénero que maior proxección lle reportou. Nela atopou a linguaxe por excelencia para a autoconsciencia, e a través dela indagou decote sobre o sentido da palabra literaria e do seu vínculo coa música. O título do seu primeiro poemario, Música reservada (Ediciós do Castro, 1991) visibiliza xa ese cruzamento entre dúas formas de expresión que a acompañaron sempre. Catro anos despois chegaría Ruído (Espiral Maior, 1995), en estreita conexión co volume co que debutou como poeta e a súa confirmación como autora de referencia das letras galegas do momento. Tamén en 1995 saíu do prelo Rota ao interior do ollo, unha plaquette con cinco poemas editada para a presentación do selo portugués Edições Tema, no que posteriormente publicarían outros autores e autoras de Galicia.
En concreto é o último poemario que deixou listo en vida. O libro foi recoñecido en xaneiro de 2004 co XII Premio de Poesía Espiral Maior. O xurado destacou o seu carácter expresionista, o pensamento crítico maduro e o equilibrio estilístico entre o conceptual e o visionario. Villalta tiña previsto presentalo en agosto, na feira do libro da Coruña, pero non puido facelo. Na madrugada do 5 ao 6 de marzo falecía por mor dunha meninxite fulminante na mesma casa onde nacera, no barrio da Falperra.
A Coruña é tamén protagonista de Papagaio (Laoivento, 2006). O poemario que leva o nome do que foi tradicionalmente o barrio dedicado á prostitución foi publicado dous anos despois do pasamento de Villalta, quen atendera a proposta de colaboración da fotógrafa Maribel Longueira. Nestas páxinas as imaxes de Longueira que dan conta do proceso de demolición das antigas edificacións dialogan cos versos de Villalta, tecidos para lles devolver a dignidade ás mulleres que as habitaron e denunciar a especulación urbanística á que foi sometido este espazo urbano.
A obra poética de Luísa Villalta editada complétase con As palabras ingrávidas (Centro Ramón Piñeiro, 2020), unha edición facsimilar do poemario en construción que estaba a plasmar nas páxinas dun calendario poético do ano 2004 da casa lusa Assírio & Alvim. A creadora deixou escrito un poema na folla de cada día, en diálogo cos textos impresos nelas, dende o 1 de xaneiro ata o 26 de febreiro, só unha semana antes do seu pasamento. A edición póstuma correu a cargo de Armando Requeixo, responsable tamén de Pensar é escuro. Poesía reunida (1991-2003) (Galaxia, 2023).
Do teatro e a narrativa ao ensaio
Alén da poesía, Luísa Villalta cultivou con asiduidade a literatura dramática. O seu debut como autora publicada foi, de feito, como dramaturga. Tras Concerto para un home só (1989), tamén nos Cadernos da Escola Dramática Galega, viron a luz O representante, en 1990, e O paseo das esfinxes, en 1991. Como escritora teatral publicou ademais As certezas de Ofelia (Casa Hamlet, Deputación da Coruña, 1999) e Os doces anos da guerra (Revista Galega de Teatro, 2001). Ao mundo dos escenario legou así mesmo a súa tradución do Manifesto por un novo teatro (1994) de Pier Paolo Pasolini e mais A mandrágora (1998) de Maquiavelo, en colaboración esta última con Francisco Pillado Maior.
A protagonista do Día das Letras Galegas 2024 é ademais autora dunha obra narrativa de carácter exploratorio, acaso ensombrecida polo recoñecemento que obtivo como poeta. Tras ser distinguida en 1990 co Premio Nacional de Narracións Breves Modesto R. Figueiredo polo relato “A taberna do holandés”, saíu do prelo Siléncio, ensaiamos (Vía Láctea, 1991), once historias nas que a música, coma tantas veces na súa obra, ten unha significación central. En Teoría de xogos (Laiovento, 1997) Villalta constrúe unha alegoría sobre a vida como xogo e n’As chaves do tempo (A Nosa Terra, 2001) desenvolve unha narración baseada na temática artúrica chea de simbolismo e dobres lecturas.
Como ensaísta, cómpre destacar O don Hamlet de Cunqueiro: unha ecuación teatral (Laiovento, 1992) e O outro lado da música, a poesía: relación entre ambas partes na historia da literatura galega, editado en 1999 por A Nosa Terra e levado de novo ao prelo en 2021 por Galaxia. O de Villalta, quen se achegou en distintas ocasión á obra cunqueiriana, é o primeiro traballo das letras galegas que abordou monograficamente a adaptación do mindoniense da traxedia de Shakespeare. Canto O outro lado da música, a poesía, a autora ofrece unha relectura das letras galegas dende a súa relación coa música do medievo aos tempos das Irmandades da Fala.
Unha escritora que opina
Non hai que esquecer ademais que Luísa Villalta foi unha escritora que opina. Colaborou, entre outras cabeceiras, con Man Común, Festa da palabra silenciada, Luzes de Galicia e A trabe de Ouro, e mantivo unha colaboración periódica co semanario A Nosa Terra recompilada en Libro das colunas (A Nosa Terra, 2005). No artigo xornalístico formulou un campo para o debate enfiando humor, ironía e unha clara vontade de intervención para estimular unha reflexión crítica. As súas Letras Galegas serán tamén unha boa ocasión para revisar o frutífero diálogo entre literatura e xornalismo na nosa historia literaria que, acaso coa introdución da variable do xénero, dea lugar a novas lecturas.
Tres novos membros correspondentes da RAG
Na sesión plenaria ordinaria da Real Academia Galega celebrada esta mañá tamén foron elixidos membros correspondentes da institución Bieito Silva, experto de referencia na planificación lingüística escolar e sobre a situación da lingua galega no sistema educativo; Montse Pena Presas, especialista en literatura infantil e xuvenil contemporánea; e Diego Rodríguez, responsable das áreas de patrimonio e cultura da Fundación Barrié.
Bieito Silva Valdivia (Bubaces, Lobios, 1951) é especialista en didáctica da lingua galega, en formación do profesorado e en planificación lingüística escolar. Doutor en Filosofía e Letras cunha tese sobre as interferencias lingüísticas entre o galego e o castelán no alumnado de secundaria, foi catedrático de secundaria e profesor asociado da Universidade de Santiago de Compostela, á que se incorporou en 2010 como titular de Didáctica da Lingua e da Literatura e mais das Ciencias Sociais na Facultade de Ciencias da Educación. Foi coordinador do Instituto de Ciencias da Educación da USC (1987-2010) e do mestrado de profesorado de secundaria da mesma institución (2011-2014), e tamén exerceu como vicedecano da súa facultade, entre outros cargos.
Colaborador do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega dende hai anos, dirixiu e participou en numerosos proxectos sobre a problemática do ensino en galego e do galego no ensino, entre eles A situación do ensino da lingua galega na Educación Secundaria Obrigatoria (2005 e 2006-2008), Avaliación de xeito comparado da competencia do alumnado de 4º da ESO nos idiomas galego e castelán (2010), Protocolo para a avaliación externa e global da competencia do alumnado galego de 6º de Primaria e de 4º da ESO nas dúas linguas oficiais de Galicia (2011) e Avaliación de competencias lingüísticas en galego e castelán ao final do ensino obrigatorio (2020).
Montse Pena Presas (Sada, 1981) é profesora de Didáctica da Lingua e da Literatura na Facultade de Ciencias da Educación da USC, onde se doutorou en Filoloxía cunha tese sobre feminismo, xénero e coeducación na literatura infantil e xuvenil (LIX). A LIX actual, a educación literaria e aos estudos de xénero seguen a ser tres eixes centrais do seu labor académico e divulgativo, con títulos como Un chapeu negro e un nariz de pallaso. Tras os pasos de Roberto Vidal Bolaño (Galaxia, 2013), Feminismos e literatura infantil e xuvenil en Galicia (Laiovento, 2018), baseado na súa tese, a biografía sobre María Victoria Moreno A voz insurrecta (Galaxia, 2018) e a dedicada a Xela Arias, Intempestiva (Galaxia, 2021), o estudo introdutorio d’As laranxas máis laranxas de todas as laranxas de Carlos Casares para o Consello da Cultura Galega (2017) ou, en colaboración con María Caamaño, Ax(e)itar a lingua. Orientacións para unha comunicación inclusiva no ensino (AS-PG, 2022).
Publicou máis de medio cento de artigos científicos e capítulos de libros sobre diversos aspectos da historia da literatura galega e sobre a obra de autores e autoras como Agustín Fernández Paz, Ledicia Costas, Manuel María, Carlos Casares ou Xohana Torres, e mais contribucións sobre a educación literaria nas que analizou aspectos implicados no desafío de gañar público lector.
Como crítica literaria, colaborou en medios como Faro da Cultura, a revista Grial, Nós Diario, Sermos Galiza e o Diario Cultural da Radio Galega. En 2022 comisariou a exposición Unha árbore de historias: cen anos de literatura infantil galega da Biblioteca de Galicia.
Diego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1972) licenciouse en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela nas especialidades de Historia Contemporánea e Biblioteconomía e Arquivística e dende ano 2004 está vinculado á Fundación Barrié, institución na que é responsable de Patrimonio e Cultura.
Como arquiveiro e bibliotecario da Barrié impulsou accións de divulgación do patrimonio bibliográfico galego e promoveu, en colaboración coa Real Academia Galega, a edición das obras de Manuel Antonio e a exposición A Galicia do Galicia, iniciativas estas últimas realizadas e dirixidas polo académico Xosé Luís Axeitos. A súa colaboración coa RAG atinxe tamén a renovación tecnolóxica do Dicionario, a creación do Portal das Palabras -a páxina web da Academia e a Barrié para a divulgación do léxico- e mais o deseño e a posta en marcha da aplicación de xogos Ximnasio Léxico, baseada na base de datos do Dicionario e presentada ao público este mesmo mes de xuño.
Foi ademais comisario da exposición A lección dun cidadán libre (2014), dedicada a Víctor Said Armesto no centenario do primeiro catedrático en España de literatura galego-portuguesa. O estudo do seu fondo permitiulle analizar polo miúdo manuscritos de Manuel Murguía e realizar achegas publicadas na revista Follas Novas da Fundación Rosalía de Castro. Este traballo garda relación co seu interese pola investigación arredor da letra manuscrita dende o punto de vista da transcrición e da identificación caligráfica, campo no que puido identificar novas mostras rosalianas e desbotar outros textos autógrafos atribuídos erroneamente á poeta fundacional das letras galegas. Actualmente traballa con este mesmo método na recuperación das Rimas populares de Galicia de Manuel Murguía.