A Real Academia Galega aplaude a inclusión da toponimia como ben patrimonial no PXOM de Redondela

A decisión do Concello de Redondela de incluír a toponimia no catálogo de bens patrimoniais do PXOM é unha medida pioneira que honra este municipio e que debe servir de exemplo para outros. Así valorou o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, esta iniciativa na xuntanza que mantivo na tarde do xoves coa alcaldesa redondelá, Digna Rivas, centrada nas accións de conservación e divulgación dos nomes de lugar do seu territorio. No encontro tamén participaron o vicesecretario da RAG, Henrique Monteagudo, o académico Gonzalo Navaza, membro do Seminario de Onomástica, e a concelleira de Cultura, Rita Pérez Táboas.

O presidente da RAG asinando no libro de honra do Concello de Redondela

A rexedora presentoulles aos membros da RAG o labor que se desenvolveu nos últimos anos para a recuperación e posta en valor da toponimia local. Tras o traballo de campo e o estudo filolóxico pertinente, Redondela leva editadas nove publicacións que recollen a microtoponimia das dúas parroquias. A serie, con moi boa acollida entre a veciñanza, continuará este ano coas edicións correspondentes ao Viso, Trasmañó e Reboreda.

As publicacións poden descargarse na web Toponimia de Redondela, que recolle a explicación e a orixe de máis de 2.000 microtopónimos. A páxina facilita ademais a súa localización no mapa de Galicia Nomeada, o proxecto de toponimia de Galicia que coordina a Real Academia Galega, coa que Redondela colaborou achegando máis de 3.000 microtopónimos xeolocalizados.