O pronunciamento do pleno advirte que a situación que atravesa a fala é responsabilidade de toda a sociedade galega “pero moi fundamentalmente de quen detén o goberno e dispón, xa que logo, dos mecanismos de actuación e planificación”. “A primeira responsabilidade é, por tanto, do goberno galego”, resalta o texto. A Real Academia Galega insta así a Xunta de Galicia e as forzas políticas a iniciaren o novo curso político cun “proxecto de futuro para o idioma que comprometa e ilusione”. “Cómpre situar o patrimonio común do idioma por riba dos cálculos a curto prazo e das controversias partidistas. Esta é unha tarefa urxente, que non admite máis demoras”, conclúe.
O documento sinala varias frontes de actuación urxentes para frear a perda de galegofalantes, que abranguen dende as familias, a escola e os medios de comunicación á industria cultural, os axentes representativos da sociedade civil e das administracións e as tecnoloxías da comunicación, así como a potenciación da dimensión internacional do galego a través da lusofonía.
A RAG pide así mesmo que a concreción das medidas necesarias se recolla nun renovado Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, en que deben participar os axentes sociais relevantes. “Esta revisión debe prever a súa implementación, con medidas concretas, dotadas do correspondente orzamento, e obxectivos temporalizados, con indicación dos órganos executores e previsións de avaliación periódica do seu cumprimento”, concreta a declaración.
Incumprimento da Lei de normalización
Os últimos datos do IGE, recollidos no ano 2023 e presentados hai un par de meses, confirmaron que por primeira vez o galego perde a condición de lingua habitual da maior parte da poboación. O monolingüismo inicial en castelán é a opción maioritaria nos menos de 50 anos e a situación na franxa de poboación máis nova é especialmente preocupante, cunha caída “descomunal” en só dúas décadas. As respostas (fala) sempre en galego e máis en galego ca en castelán suman entre a poboación de 5 a 14 anos só o 16 %, o que supón aproximadamente 34.000 galegofalantes neste tramo de idade, fronte aos 180.000 do castelán.
“É obvio que nin a emigración nin a evolución vexetativa da poboación abondan para explicar a dramática redución da cifra de falantes de 5 a 14 anos ou o incremento exponencial das prácticas monolingües en castelán en todos os grupos de idade, que atinxe o 43 % na cohorte de 15 a 29 anos e o 54 % da rapazada de 5 a 14 anos. O mesmo se pode aplicar á incapacidade para falar galego, que pasou do 18 % ao 32 % no grupo de idade máis novo (5 a 14 anos), ou á incompetencia para escribilo, que ascendeu do 21 % ata o 38 % no mesmo grupo”, valórase no informe do Seminario de Sociolingüística. Estas cifras ofrecen “unha proba rotunda” das consecuencias do chamado Decreto do plurilingüismo de 2010 e, en xeral, “do abandono das políticas de protección do galego, incluíndo os discursos sociais que o acompañaron: o incremento do monolingüismo en castelán e diminución tanto da competencia en galego canto do seu uso”, afóndase.
Nesta liña, a análise considera claro que o modelo educativo actual non está cumprindo o mandato da Lei de normalización lingüística, que no seu artigo 14.3 establece que as autoridades educativas autonómicas deben garantir que ao remate dos ciclos en que o ensino do galego é obrigatorio o alumnado debe coñecer o idioma propio de Galicia en igualdade co castelán, tanto a nivel oral coma escrito.
“Existe unha disonancia patente entre os obxectivos da lei e as fórmulas aplicadas para logralos. O cambio no modelo educativo é imprescindible para conseguilos, mais non é suficiente para reverter a situación, senón que debe ir acompañado dun conxunto máis amplo de medidas, non só no ámbito do ensino regulado”, insístese nas conclusións, que lembran os sucesivos pronunciamentos no mesmo sentido do Consello de Europa alertando do incumprimento en Galicia dos compromiso recollidos na Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias.
O informe aprobado polo plenario conclúe que que o devalo cada vez máis pronunciado do galego se está “achegando perigosamente ao limiar do colapso”. Apunta, con todo, que esta tendencia é reversible, tendo en conta a notable vitalidade do idioma e o sólido compromiso de sectores significativos da cidadanía galega, e sempre e cando se poñan en marcha “de forma urxente políticas eficaces, que conten co imprescindible impulso das institución e co respaldo da maioría da sociedade”.