A RAG recibe un grupo de estudantes do instituto Santiago Apóstolo de Buenos Aires

Un grupo de estudantes do Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstolo puido coñecer hoxe a historia da Real Academia durante unha visita á sede da institución. O alumnado do centro bonaerense foi recibido na rúa Tabernas, 11 da Coruña polo presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, e o secretario, Henrique Monteagudo.

O presidente da RAG posa co alumnado e o profesorado


Alonso Montero salientou a satisfacción que lle produciu recibir, unha vez máis, estudantes deste instituto e lembrou a súa propia visita ao centro educativo. Segundo dixo, poucas veces sentiu unha emoción "tan grande e fonda" na capital da diáspora galega como cando escoitou cantar "O meu país" nas voces dun grupo de alumnos de curta idade do Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstolo.

O presidente da RAG ofreceulles unha charla sobre a función e a historia da institución, que chegou a facerse realidade en 1906, recordou, grazas a Xosé Fontenla Leal, obreiro ferrolán autodidacta que emigrou a Cuba. El foi "o primeiro talento" que, xunto a Curros Enríquez, puxo en marcha unha institución fóra de Galicia, a Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega, da que "vén o alento e o pulo" que fixo posible a fundación da RAG, engadiu.


Xesús Alonso Montero e Henrique Monteagudo charlan con Andrea Ríos e Diego Martín Colombo, os profesores do Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstolo que acompañaron o alumnado durante a visita. Autor: RAG


A visita do alumnado, acompañado polos profesores Andrea Claudia Ríos e Diego Martín Colombo, concluíu cun intercambio de agasallos. Xesús Alonso Montero recibiu de mans da alumna Rocío Busca unha placa co lema Dúas beiras unidas para sempre e os estudantes puideron levar como recordo os discursos de ingreso na Academia de Xosé Neira Vilas, A cultura galega en Buenos Aires: 1950-1960, e do protagonista do Día das Letras Galegas de 2016, Manuel María, titulado A Terra Chá: poesía e paisaxe; así como Luís Seoane. Vida e obra literaria, de Marino Dónega, e Presencia de Castelao na Academia. Textos inéditos e outras páxinas.

Os mozos e mozas tamén puideron coñecer na súa visita á rúa Tabernas, 11 a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, ubicada na primeira planta do inmoble.


Rocío Busca entregoulle a Xesús Alonso Montero, en nome de todos os seus compañeiros, unha placa co lema Dúas beiras unidas para sempre

 


Os estudantes do centro porteño interesándose polos libros editados da RAG cos que foron obsequiados