A RAG recibe a doazón da placa de homenaxe a Eladio Rodríguez no “seu Ribeiro”

A Real Academia Galega acaba de incorporar á súa colección a placa coa que foi agasallado o lexicógrafo Eladio Rodríguez González (Leiro, 1864 - A Coruña, 1949) na homenaxe que se lle rendeu en Ribadavia en 1929, cando era presidente da institución. A doazón desta peza foi feita por María Victoria Rodríguez Rodríguez, bisneta do protagonista do Día das Letras Galegas 2001, quen tamén lle entregou á RAG o diploma de socio de mérito que o Círculo de Artesáns da Coruña lle entregou ao lexicógrafo, autor do Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Este manual, con máis de 52.000 entradas e editado postumamente en varios volumes entre 1958 e 1961, foi a grande obra de don Eladio, e durante décadas constituíu toda unha referencia para o estudo da lingua galega.

1/3

O concello de Ribadavia rendeulle homenaxe a Eladio Rodríguez o 17 de novembro de 1929 nun acto celebrado no salón de sesións municipal no que se lle fixo entrega da placa de prata que forma xa parte da colección da Academia. Nela gravárase a seguinte lenda: Ribadavia ô insigne poeta é presidente d'a Real Academia Galega D. Eladio Rodríguez González, escrarecido fillo d'a terriña. Ó seu Ribeiro, 1929. Esta mención á súa comarca natal fai referencia ao poema “Meu Ribeiro!”, incluído en Oracións campesiñas, volume publicado apenas dous anos antes da homenaxe. Casualmente este mesmo libro sería uns anos despois, en 1943, o primeiro contacto co galego escrito doutro presidente da RAG natural da mesma comarca, Xesús Alonso Montero, quen ten confesado como esta lectura o marcou profundamente.

A placa cumpre con todos os tópicos dunha homenaxe da época a un persoeiro, mais o uso do galego en plena ditadura de Primo de Rivera por parte dunha institución pública como o Concello de Ribadavia fai dela unha peza excepcional, unha verdadeira rareza da que non hai constancia de que exista outra mostra, salienta o técnico responsable da colección da RAG, Lois Bande.

O réxime de Primo de Rivera impuxera axiña medidas represivas contras as linguas non oficiais, recorda o historiador da arte. O 18 de setembro de 1923, só días despois do golpe, o goberno promulgara un decreto “dictando medidas y sanciones contra el separatismo”, no cal se ordenaba que o castelán sería en diante a única lingua permitida en actos oficiais, de tal maneira que a placa de don Eladio estaría fóra da legalidade vixente naquel momento.

Recoñecemento do Círculo de Artesáns da Coruña
Eladio Rodríguez naceu en San Clodio, no concello ourensán de Leiro, en 1864 e morreu na Coruña en 1949. Xornalista, poeta e lexicógrafo, foi membro fundador da Real Academia Galega, da que foi secretario e mais presidente en dúas ocasións, de 1926 a 1934 e en 1944, entre xuño e outubro.

En 1887, tras exercer a docencia na súa vila, trasladouse á Coruña, dende onde desenvolveu un gran traballo a prol do engrandecemento da lingua galega, moi especialmente a través do seu dicionario. Participou da vida cultural da cidade formando parte da Asociación de la Prensa Coruñesa (entidade que cofundou), dos faladoiros da Cova Céltica na Librería Regional de Carré Aldao, da Irmandade da Fala da Coruña desde 1916 ou da Real Academia Provincial de Belas Artes. Como bibliotecario da Reunión Recreativa de Artesanos da Coruña (actual Círculo de Artesáns) elaborou o catálogo da súa biblioteca, con máis de 3.300 obras científicas, literarias e musicais. Este traballo, publicado en 1901, valeulle ser recoñecido como socio de mérito da entidade, tal e como recolle o diploma que tamén doou á RAG María Victoria Rodríguez Rodríguez.

A doazón deste diploma e da placa da homenaxe no Ribeiro súmase a outras anteriores realizadas por descendentes de Eladio Rodríguez. No ano 2013 a RAG recibiu o arquivo persoal do seu fillo Julio Rodríguez Yordi, quen foi tamén membro da institución.