O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, acompañados dos membros da executiva da Academia e dos representantes do concello pontevedrés que participaron na xuntanza. Fonte: RAG
O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, o secretario, Henrique Monteagudo, e a arquiveira-bibliotecaria, Fina Casalderrrey, e o vicesecretario, Andrés Torres Queiruga, reuníronse co rexedor nunha xuntanza na sede da Academia na que tamén participaron a técnica de cultura de Cerdedo-Cotobade, Mónica González, e Ana Porto Magariños e Francisco Javier Guimarey Mariño, directora e director do CEIP de Tenorio e do CEIP Plurilingüe de Carballedo, os dous colexios de Cotobade, a localidade onde naceu Antonio Fraguas Fraguas en 1905.
Ademais de abordar a organización do Día das Letras Galegas, na xuntanza acordouse que a presentación da nova edición do proxecto web da RAG Primavera das Letras terá lugar o 28 de febreiro en Cotobade, da man da súa comunidade educativa. Primavera das Letras fornece o alumnado de infantil e primaria de recursos lúdicos e didácticos para achegalo ao universo vital e creador da figura homenaxeada cada 17 de maio, nesta ocasión Antonio Fraguas. Director e presidente do Museo do Pobo Galego, profesor depurado polo franquismo e querido polo alumnado, narrador oral excepcional e intelectual cunha popularidade pouco común, dedicou a vida ao estudo da cultura e do territorio galegos desde distintos eidos, con especial atención e mestría á etnografía e á antropoloxía. Cos seus traballos e conferencias contribuíu ademais a defender o galego como lingua de expresión válida para calquera coñecemento.
Jorge Cubela asina no libro de honra da Academia. Fonte: RAG
Espazo biográfico en academia.gal
A Real Academia Galega xa publicou en academia.gal, na sección Letras Galegas, unha completa biografía de Antonio Fraguas, escrita polo académico correspondente Clodio González. O espazo seguirá a se alimentar ao longo deste ano con imaxes, documentos, novas, reportaxes e entrevistas arredor dun home que desde mozo desenvolveu un importante traballo "desinteresado, silandeiro e constante a prol da nosa cultura, sen nunca agardar nada a cambio", salienta o biógrafo.
O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, inaugurou ademais o ano na sección "Tribuna" cun artigo no que, alén da súa crónica vital "construída desde a coherencia e a lealdade ao seu país", destaca a utilidade pedagóxica da figura de Antonio Fraguas. "Abre para todos nós a explicación profunda da nosa identidade: o tesouro inmenso da cultura popular", conclúe.