Co Simposio Carlos Casares concluirá un mes de análise do legado do autor que arrincou esta semana en Ourense e Vigo coas Xornadas Carlos Casares organizadas pola Fundación Carlos Casares e continuará, os días 16 e 17, cun encontro no Consello da Cultura Galega -institución da que foi presidente- que abordará a súa dimensión de intelectual público.
Dos anos de mocidade en Santiago á vida como escritura
O Simposio Carlos Casares -organizado co apoio da Consellería de Cultura- afondará en distintos aspectos da narrativa, o ensaio e o articulismo que cultivou o autor, facendo fincapé tanto nas características da súa escrita como nas súas reflexións sobre como debía ser esta. O académico de honra Arcadio López-Casanova pronunciará o martes 21 de novembro a conferencia inaugural, "Carlos Casares en Compostela: formación, compromiso e manifestación", dedicada precisamente a aqueles anos compartidos como universitarios. A académica Fina Casalderrey moderará deseguido a mesa redonda sobre a teima de Carlos Casares pola procura de novos públicos lectores para a literatura galega. O escritor e profesor da Universidade de Vigo Manuel Santiago Fernández Álvarez -Manuel Forcadela- participará cunha intervención titulada "Carlos Casares e o moralismo equidistante", a profesora da Universidade de Santiago de Compostela Montse Pena, exporá "Enxeñar un mundo posible: Casares e a reinvención da literatura infantil e xuvenil (1986-2002)", e o profesor da Universidade de Vigo e académico correspondente Gonzalo Navaza, "Carlos Casares e a cortesía co lector".
O mércores 22 de novembro o académico correspondente Francisco Xavier Carro Rosende abrirá a tarde co relatorio "Polos buratos da memoria". "Casares de onte a hoxe" é o título da mesa redonda que terá lugar a continuación con achegas de catro escritores: a académica Marilar Aleixandre ("Carlos o fabulador e a fábula de Casares"), o director xeral de Galaxia, Francisco Castro ("Carlos Casares, todo era verdade"), Antón Riveiro Coello ("O difícil xogo das transparencias") e María López Sández ("A escrita de Carlos Casares: unha poética da descrición literaria").
O xoves 23 o programa centrarase no Casares articulista, ensaísta e lector e rematará coa conferencia do presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, "Carlos Casares, a sedución da palabra". Previamente, nunha mesa moderada polo ex-decano do Colexio de Xornalistas Xosé Manuel Pereiro, a escritora, articulista e profesora da ESAD Inma López Silva deterase no feminismo e na igualdade no Casares xornalista, o periodista e escritor Ramón Loureiro ofrecerá unha intervención titulada "Carlos Casares: a vida como escritura", e o tamén escritor Álex Alonso, "Casares e o vento de Clío: ficción, historia e metahistoria".
Inscrición gratuíta
A inscrición no Simposio Carlos Casares é gratuíta e pode formalizarse antes do 21 de novembro no correo electrónico secretaria@academia.gal indicando os seguintes datos: nome e apelidos, DNI, enderezo postal completo, correo electrónico, teléfono e datos profesionais. Ao final das xornadas entregarase un diploma de asistencia.
Pode descargar o programa do Simposio Carlos Casares NESTA LIGAZÓN.