115 narra o milagre dun cativo que viaxa durante anos á procura da salvación antes da chegada do demo para levalo consigo, anunciada para o seu décimo quinto aniversario. O texto orixinal en galego medieval e mais a adaptación contemporánea da máis longa das Cantigas de Santa María, coas súas 30 estrofas, foron editados no programa de man do concerto dispoñible na sección de publicacións da Real Academia Galega.
Paloma Gutiérrez del Arroyo é especialista en música medieval e a creadora da Escuela de Música Medieval y de Tradición Oral, no seo da Institución Libre de Enseñanza, e Manuel Vilas é especialistas en arpa medieval. Os integrantes do dúo achegaron de forma atractiva ao público contemporáneo a cantiga 115, “se cadra non sempre afeita á súa linguaxe, ao contido, á lonxitude da súa narración e á súa melodía estrófica”. “Ao tempo, tentamos ser o máis respectuosos posible co texto e a música e coas noticias sobre as prácticas da época que nos chegaron”, explican.
A celebración arrincou coas palabras de benvida do presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, quen salientou o agradecemento histórico a Afonso o Sabio por facer realidade unha obra fundamental que proxecta o galego universalmente dende a Idade Media. Deseguido, Henrique Monteagudo, estudoso da lírica medieval galega e editor do Códice de Toledo —un dos catro que compoñen as Cantigas de Santa María—, trazou un retrato de Afonso o Sabio e da significación do seu reinado na cultura peninsular do século XIII. “Foi un gran promotor das linguas romances, algo que formaba parte da súa disputa da hexemonía cultural coa Igrexa —que empregaba o latín—, e abriu ademais horizontes insospeitados na cultura medieval, sobre todo a través de traducións do mundo árabe de libros de ciencias e saberes, sobre astronomía ou xadrez”, subliñou.
Pero Afonso o Sabio deixou pegada na cultura galega e universal especialmente polo pulo que lle deu á lírica medieval e a diversidade que favoreceu arredor dela. “Mentres que en Portugal o trobadorismo foi un fenómeno sobre todo aristocrático, en Galicia foi máis complexo. Tivo como principal centro a cidade de Santiago, onde floreceron trobadores aristocráticos, xograres eclesiásticos e mesmo burgueses. Isto demostra a gran diversificación social do trobadorismo en Santiago, que en certa maneira Afonso o Sabio soubo atraer á súa corte, en beneficio do seu prestixio como rei culto e trobador”, detallou.
O patrocinio das Cantigas de Santa María non tivo, en calquera caso, un obxectivo só de promoción cultural. A escolla destas composicións constitúe unha mostra notable da afirmación de Afonso o Sabio fronte á xerarquía eclesiástica compostelá. “As Cantigas de Santa María recollen os milagres atribuídos á Virxe en distintos lugares de Europa e foron pensadas en directa competencia co fenómeno xacobeo por parte do rei Afonso o Sabio, que tivo un desencontro brutal co arcebispado de Santiago, o gran centro do poder eclesiástico da Península Ibérica”, contextualizou o académico.
A RAG pechou co concerto de Paloma Gutiérrez del Arroyo e Manuel Vilas a celebración dos 800 anos de Afonso o Sabio, unha efeméride que celebrou tamén coa recuperación en versión dixital da escolma feita por Xosé Filgueira Valverde das cantigas do monarca para a propia institución. A Academia emitiu ademais unha declaración pública reclamando a difusión pública na Rede dos códices das Cantigas de Santa María custodiados no Escorial, tras a cal foron subidos á Rede, seguindo os pasos adoptados con anterioridade polas institucións que custodian os outros manuscritos.