Por paradoxal que poida parecer, o empeoramento dos usos lingüísticos non implica necesariamente un prexuízo para as tarefas investigadoras arredor do idioma, sinalou María López-Sández, que centra o seu traballo como investigadora nos campos da sociolingüística, a didáctica da lingua e a teoría da literatura. A académica compartiu mesa redonda con Daniel González Palau e Jon Amil, do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) e a Associaçom Galega da Língua, no marco do foro que se celebrou no Consello da Cultura Galega baixo o lema O pasado, o presente e o futuro dos estudos galegos no mundo.
A profesora López-Sández sinalou o auxe da ecolingüística no plano mundial como unha oportunidade para os estudos arredor do galego a nivel internacional. “Estímase que no mundo se falan unhas 7.000 linguas, das cales case a metade se extinguirán a finais deste século. Media humanidade fala 50 idiomas e a outra metade os demais. Estamos nun momento clave de perda da diversidade lingüística, e o feito de que se estea a tomar conciencia sobre este problema potencia os estudos de ecolingüística, nos que o galego ten unha voz propia coa que contribuír”, sostén.
A interseccionalidade e a perspectiva comparada son outros aspectos que a académica considera relevantes para o futuro dos estudos galegos. Sobre a primeira, establece paralelismos cos estudos de xénero, pioneiros na súa introdución. “Como sucede co xénero, a subalternidade lingüística tamén intersecciona con outros parámetros, outras formas de subalternidade como o propio xénero, a clase ou o feito de conformar periferias xeográficas”, pon como exemplo López-Sández, coautora de Lingua e xénero en Galicia.
A académica referiuse por último ao papel que desempeñan os Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras”, que abren este xoves en Santiago de Compostela á súa trixésimo quinta edición. A actual directora deste programa, organizado pola RAG en colaboración co ILG, destaca que permiten propiciar novos proxectos de tradución de obras galegas a outros idiomas e de investigacións comparadas, entre outras.