A RAG participa en Lisboa na celebración dos 500 anos de Camões

Portugal celebra ata xuño de 2026 os 500 anos do nacemento de Luís de Camões, autor central da literatura lusa e universal. A Real Academia Galega súmase á conmemoración da man da Faculdade de Letras da Universidade de Lisboa (FLUL), onde o presidente Henrique Monteagudo interveu esta mañá no coloquio internacional sobre o escritor que afonda na súa relación con Galicia e a lingua galega. O vínculo esténdese a través dunha exposición centrada no fondo galego da facultade que privilexia o notable impacto creativo da obra camoniana nos principais autores das letras galegas.

Henrique Monteagudo pronunciou a conferencia de apertura da xornada do Colóquio Internacional Sob o signo de Camões. Cânones e heterodoxias que acolle a FLUL, un relatorio que dedicou ao galego e o portugués no século XVI, desde a figura de Gil Vicente, primeiro dramaturgo da literatura lusa, ata o homenaxeado. O presidente da RAG contextualizou así as referencias aos galegos na epopea Os Lusíadas (1572), afondando na imaxe da lingua galega e dos propios galegos no Portugal daquel momento a través da literatura e dos refráns.

O vínculo entre Galicia e Camões a través dos libros
Henrique Monteagudo intervirá ademais esta tarde na inauguración da exposición sobre o Fundo Galego da FLUL que organizaron, no marco do coloquio, a Cátedra de Estudos Galegos e a Biblioteca da facultade lisboeta coa colaboración da Real Academia Galega e mais do Consello da Cultura Galega. A mostra dá conta do aprecio que lle tiñan á literatura galega escritores como Leite de Vasconcelos, David Mourão-Ferreira ou Fidelino de Figueiredo. Dos fondos destes autores proceden exemplares raros de títulos como Noitebras: poesías (1901) e A ponte: drama en dous actos en prosa (1903), do académico fundador e presidente da RAG Manuel Lugrís Freire; e unha edición de 1923 do Onomástico etimológico de la lengua gallega, de frei Martín Sarmiento.

Tampouco falta Rosalía de Castro nunha escolma que atende asemade a recepción da obra e da figura de Camões en Galicia e a súa influencia. Jacinto Prado Coelho e Alberto Machado de Rosa sinalan influencias camonianas en Cantares gallegos; e o xornalista e polígrafo Manuel Murguía, esposo de Rosalía, abandeira a apropiación galeguista de Camões a partir do século XIX, recolle un dos paneis da mostra. A obra do autor portugués foi ademais un referente fundamental para Aquilino Iglesia Alvariño (1909-1961) e o seu Señardá (1930), igualmente parte da exposición; e Fermín Bouza Brey (1901-1973) recoñeceu na súa Autopoética (1935) que Camões é o seu principal inspirador.

O percorrido a través dos libros da biblioteca da FLUL incide ademais na ascendencia galega do autor en achegas como a de Castelao, quen en Sempre en Galiza afirma que eran galegos “o sangue e o xenio de Camões”.