Presentación d'Os trobadores de Occitania (2011).
Fonte: RAG
Darío Xohán Cabana o día do seu ingreso na RAG, o 22 de abril de 2006.
Fonte: Xosé Castro / RAG
Darío Xohán Cabana no Courel o Día das Letras Galegas de María Mariño (2007).
Fonte: RAG
Darío Xohán Cabana intervén no pleno das Letras Galegas de María Mariño (2007).
Fonte: RAG
Darío Xohán Cabana retratado no ano 2008 por Xosé Castro.
Fonte: RAG
Darío Xohán Cabana retratado no ano 2008 por Xosé Castro.
Fonte: RAG
Intervención no Día das Letras Galegas de Álvarez Blázquez (Vigo, 2008).
Fonte: RAG
No pleno do Día das Letras Galegas de Álvarez Blázquez xunto a outros membros da Academia.
Fonte: RAG
Con Manuel Rico e Francisco Fernández Rei na celebración dos 150 anos dos Xogos Florais da Coruña (2011).
Fonte: RAG
Celebración dos 150 anos dos Xogos Florais da Coruña (2011).
Fonte: RAG
Presentación d'Os trobadores de Occitania na RAG xunto a X. L. Méndez Ferrín, X. L. Axeitos e Martiño Cabana Otero (2011).
Fonte: RAG
Darío Xohán Cabana.
Fonte: Xosé Castro / RAG
Presentación d'Os trobadores de Occitania (2011).
Fonte: RAG
Darío Xohán Cabana intervén no pleno das Letras Galegas de Manuel María (2016), celebrado na Casa-Museo do escritor.
Fonte: RAG
Darío Xohán Cabana intervén no pleno das Letras Galegas de Manuel María (2016), celebrado na Casa-Museo do escritor.
Fonte: RAG
O académico na apertura da programación de Dante sul Cammino di Santiago o pasado mes de xuño.
Fonte: Cedida
O académico na apertura da programación de Dante sul Cammino di Santiago o pasado mes de xuño.
Fonte: Cedida
Intervención no acto celebrado en Betanzos no centenario da RAG (2006) en lembranza do primeiro mitin en galego.
Fonte: RAG
Intervención na homenaxe aos mártires de Carral celebrada no centenario da RAG (2006).
Fonte: RAG
Con Xosé Luís Méndez Ferrín e Víctor F. Freixanes o Día das Letras Galegas de Álvarez Blázquez (2008).
Fonte: RAG
Darío Xohán Cabana coa viúva de Álvarez Blázquez o Día das Letras Galegas de 2008.
Fonte: RAG
Darío Xohán Cabana cos seus editores Víctor F. Freixanes, Manuel Bragado e Carlos Lema (2008).
Fonte: RAG
Darío Xohán Cabana sempre tivo presentes as súas raíces. Fillo de labregos republicanos, comezou a militar na esquerda nacionalista na clandestinidade dende moi novo e tanto o seu pensamento político como o seu lugar no mundo, a Terra Chá, deixaron unha importante pegada na súa obra. No ano 1970 publicou o seu primeiro libro de poemas, Home e terra, na colección Val de Lemos de Ediciós Xistral, dirixida polo tamén chairego Manuel María. Ese mesmo ano autoeditou Verbas a un irmao e tres máis tarde vería a luz Romanceiro da Terra Chá, prologado polo seu mestre poético, e o seu nome sería incluído por María Victoria Moreno na antoloxía Os novísimos da poesía galega. O terceiro libro de Darío Xohán Cabana foi publicado na colección Pico Sagro da Editorial Castrelos, dirixida por outro dos seus mestres, Xosé María Álvarez Blázquez, para quen traballou no selo editorial vigués entre 1971 e 1975. A edición de libros sería tamén a súa última ocupación laboral como coordinador de publicacións do Concello de Lugo ata a súa xubilación.
O contido social e as vivencias máis persoais conviven no legado poético do autor, que na forma sempre destacou polo seu gusto polos versos clásicos, dende os máis populares de Romanceiro da Terra Chá aos sonetos de Patria do mar. Con este último libro acadaría, en 1983, o Premio Celso Emilio Ferreiro do Concello de Santiago, que volveu recoller en 1986 con Amor e tempo liso. Os premios Cidade de Ourense, Cidade de Lugo ou o Martín Codax son outros dos galardóns que recibiu como poeta por títulos como A fraga amurallada, VIII fragmentos, Vidas senlleiras, Canta de cerca a morte (1994). No ano 2006 publicou Cabalgada na brétema, a súa última obra de poesía editada.
Malia sentirse ante todo poeta, dende finais dos anos 80 cultivou con éxito a narrativa, eido no que tamén mereceu distintos galardóns. En 1989 publicou unha das novelas galegas máis vendidas, Galván en Saor, unha homenaxe á literatura artúrica na que conflúen o mundo real contemporáneo e un pasado mitolóxico de Galicia e obra merecedora do Premio Xerais. Un ano despois saíu do prelo Fortunato de Trasmundi, outra novela de éxito na que transitan personaxes históricas e imaxinarias; e no 1994 volveu gañar o Xerais con O cervo na torre, título ao que seguirían Morte de rei (1996), novela en primeira persoa sobre os últimos anos de vida do rei García, e Mitos e memorias (2003). Nos anos 90 comezou tamén a publicar obras dirixidas ao público infantil e xuvenil como O avión de Cangas, finalista do Premio Merlín en 1991, O milagre das estrelas ou O castrón de ouro, Premio Barco de Vapor en 1993.
Darío Xohán Cabana destaca ademais como tradutor dos clásicos da literatura italiana, un labor recoñecido coa concesión da Medalla de ouro do Concello de Florencia no ano 1991. En 1989 publicouse a súa versión galega do Cancioneiro de Petrarca e en 1991 a d’A divina comedia de Dante, da que saíu unha nova versión en 2014 froito dun traballo de tres anos, nas súas propias palabras, continuo e obsesivo para traer ao galego os 14.000 versos hendecasílabos desta obra universal. A Vida Nova do mesmo autor e As floriñas de San Francisco, Premio Lois Tobío de tradución da Asociación Galega de Editores, son outros dos clásicos da literatura italiana medieval que se poden ler en galego grazas a el.
Aínda que en menor medida, tamén cultivou o ensaio e o xénero divulgativo. A Guía da provincia de Lugo (1998) e mais Monterroso na Ulloa (2001) asinounos xunta á súa filla Alexandra Cabana Outeiro; en 2005 publicou A chegada a Lugo do primeiro tren, onde conta o proceso que levou o ferrocarril á cidade da Muralla; e no ano 2008 saíu do prelo a biografía Xosé María Álvarez Blázquez. Vida e obra co gallo do Día das Letras Galegas dedicado ao seu valedor na etapa de Vigo.
Darío Xohán Cabana entrou na Real Academia Galega ocupando a cadeira vacante producida polo pasamento de Manuel María a proposta de Francisco Fernández Rei, Ramón Lorenzo e Antón Santamarina. O 22 de abril de 2006 leu o seu discurso ingreso, titulado De Manuel María a Ferrín: a grande xeración, ao que deu resposta o propio Xosé Luís Méndez Ferrín, a quen considera, xunto ao propio Manuel María e Xosé María Álvarez Blázquez, o seu terceiro gran mestre.