Xosé López Calo. Fonte: El Correo Gallego
Xosé López Calo naceu en 1922 na parroquia de Nebra, en Porto do Son, e ingresou na Compañía de Xesús en 1942. Licenciado en Filosofía e Letras pola Universidade de Comillas e en Teoloxía pola de Granada, era doutor en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e en Musicoloxía polo Pontificio Instituto de Música Sacra de Roma, onde se doutorou en 1962 cunha tese sobre a música na catedral de Granada no século XVI. Dende 1973 era profesor da USC, onde se xubilou como catedrático de Historia da Música. Gran defensor das músicas tradicionais, realizou numerosos catálogos e estudos dos arquivos das principais catedrais de España, entre elas a de Santiago de Compostela, con contribucións esenciais arredor do Pórtico da Gloria e do Códice Calixtino.
O legado do académico inclúe ducias de libros de musicoloxía, artigos e entradas en enciclopedias e nos principais dicionarios de música do mundo, entre eles o alemán Die Musik in Geschichte und Gegenwart e The New Grove Dictionary of Music and Musicians, ao que achegou máis de duascentas voces sobre música e autores españois. Ademais de pertencer á RAG dende finais dos anos 60, era membro de numerosas sociedades e academias: foi socio fundador das sociedades nacionais de musicoloxía de España e Italia, académico de honra da Real Academia Galega de Belas Artes e correspondente da Real Academia de Belas Artes de San Fernando e das de Granada, Sevilla, Segovia e Valladolid. Entre outros recoñecementos, en 1989 recibiu a Medalla de Ouro ao Mérito das Belas Artes e en 2002, o Premio das Letras e das Artes de Galicia.