“O Día Europeo das Linguas ofrece un motivo de celebración, mais tamén de reflexión e de reivindicación da plenitude de recoñecemento e dereitos para as persoas que falamos linguas europeas en situación de vulnerabilidade. As autoridades galegas deberían tomar boa nota do informe do Consello de Europa, que sinala vías moi acaídas cara a unha política lingüística eficaz, imprescindible para garantir o porvir do noso idioma”, conclúe o coordinador do Seminario de Sociolingüística da RAG, Henrique Monteagudo, na Tribuna publicada hoxe na páxina web da institución.
O académico debulla neste artigo as principais conclusións do informe do Consello de Europa sobre o grao de cumprimento dunha Carta que compromete os estados que a ratifican a desenvolveren un conxunto de medidas de defensa e promoción das linguas faladas nos seus distintos territorios, así como de salvagarda dos dereitos dos seus falantes. “Por exemplo, no campo da educación, España obrigouse a establecer unha liña educativa en galego, catalán e éuscaro desde o ensino infantil ata a Universidade, previsión que nunca se cumpriu no noso caso. (...) A inexistencia de tal liña educativa en galego foi reiteradamente denunciada por ese Comité, que, coherentemente, criticou con dureza o Decreto chamado do Plurilingüismo, aprobado pola Xunta de Galicia en 2010 e vixente aínda na actualidade”, concreta.
O comité de expertos urxe tamén a que se adopten medidas para garantir o uso do galego nos centros sociosanitarios e que as persoas galegofalantes poidan relacionarse en galego coas dependencias locais da Administración do Estado. Canto ás autoridades xudiciais, Henrique Monteagudo considera que son “as primeiras en incumprir a Carta” e recorda que o último informe do Consello de Europa é especialmente enfático en volver a esixir que os tribunais leven a cabo os procedementos penais, civís e administrativos en galego a instancia de parte.
Sobre o galego nas comarcas estremeiras, o documento recomenda con respecto ao galego de Asturias ou galego-asturiano o seu recoñecemento como lingua oficial no Estatuto de Autonomía da comunidade veciña, medidas para o seu uso na educación infantil, o incremento da súa presenza na secundaria ou o aumento do seu uso nos medios de comunicación. Para o caso do galego en Castela e León, falado no Bierzo e na comarca de Seabra, entre as principais recomendacións o comité de expertos apunta tamén a necesidade de que se desenvolva o seu uso nos medios, así como a creación dun mecanismo de asesoramento para as autoridades en todo o relativo ao galego e que se dote dun financiamento específico as organizacións que apoian a súa protección e promoción. Para a Fala de Cáceres, propóñense medidas na mesma liña, ademais do apoio aos traballos iniciados para a elaboración dunha ortografía común da Fala.
Reunión do Consello das Linguas Oficiais e acto no Congreso
O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, participará este xoves no acto conmemorativo do Día Europeo das Linguas que terá lugar no Congreso dos Deputados, un ano despois de que o Parlamento español recoñecese plenamente o uso do galego, o catalán e o éuscaro nas súas sesións e documentos. Esta celebración foi promovida polo Consello de Europa en 2001 co propósito de impulsar o multilingüismo na convicción de que a diversidade lingüística é unha ferramenta fundamental para lograr unha maior comprensión intercultural e un elemento esencial do rico patrimonio cultural europeo.
A Real Academia Galega tamén estará presente na oitava reunión do Consello das Linguas Oficiais da Administración Xeral do Estado. Henrique Monteagudo representará a institución no encontro convocado polo Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática, que se desenvolverá na Universitat d’Alacant.