Un momento da mesa redonda, na Casa da Cultura de Vigo. Foto: RAG
"O soñador de proxectos, o estratega" cheo de entusiasmo e intelixencia, era capaz de ver máis aló do inmediato para facer realidade os grandes proxectos ao servizo da cultura e da liberdade de expresión, salientou Freixanes. Un adiantado ao seu tempo de cuxa cabeza, xunto a Xosé Meixide, sairía nos anos 50 un proxecto de expansión de Galaxia polo mundo recorrendo a conexións intelectuais e persoais, puxo como exemplo. Ou a aposta polas novas xeracións, "sementando o relevo da Galicia que soñaba", e por novas formas de cultura, como a música, porque a súa premisa era que unha editora non é só unha fábrica de papel, senón "unha plataforma que xestiona creatividade e coñecemento".
En 1967, da man de Isla, sairían así do obradoiro Galaxia, en colaboración coa empresa catalá Edigsa, as primeiras producións discográfica que poderían catalogarse de"Galaxia e Edigsa publicaron a versión galega de 'Strangers in the night' ou 'Venceremos nós', o canto de acción e reivindicación dos universitarios galegos do 68" modernas, alén das producións de folclore tradicional. Entre elas, lembrou o académico, a versión galega do Strangers in the night ou o Venceremos nós, axiña acollido como canto de acción e reivindicación polos universitarios galegos no 68. "Os cantantes eran cataláns e houbo que ir a Barcelona a revisar a lingua e a pronuncia, mais esa idea xurdiu de Xaime Isla", detallou. Posteriormente Xistral, que dirixía en Monforte Manuel María, botou a andar, tamén con Edigsa, as primeiras producións de Voces Ceibes.
O académico Xosé Luís Franco Grande falou sobre outra faceta de Isla, a de xurista, que os dous compartiron durante case dúas décadas no labor de asesoría xurídica da Caixa de Aforros Municipal de Vigo. Un perfil menos coñecido, pero no que tamén destacou. "Tiña un gran coñecemento xurídico. Impresionoume e levoume a ter unha visión moito máis completa do dereito", asegurou Franco Grande. Pero o que mellor define a Isla Couto, coincidiu con Freixanes, é a capacidade que tivo de idear proxectos. "El mesmo autodefiníase como proxectista. Tiña unha mente tan creativa que estaba sempre traballando, estaba en situación de proxecto permanente", expresou.
O profesor de Economía da Universidade de Vigo Xavier Martínez Cobas afondou no Isla Couto dedicado ao mundo da economía, no que foi pioneiro na introdución dunha perspectiva de país, expresada nos artigos e editoriais da Revista de Economía de Galicia, que dirixiu e"Ten un valor fundamental para a economía galega que o fai singular: combina o excepcional do seu coñecemento intelectual co seu coñecemento empírico" publicou entre 1958 e 1968, ata nacer a primeira facultade de Ciencias Económicas do país. "Xaime Isla Couto ten un valor fundamental para a economía galega que o fai singular: combina o excepcional do seu coñecemento intelectual co seu coñecemento empírico. Ademais da herdanza intelectual recibida, Xaime transmite a súa propia experiencia vivida, compartida na Xeración Galaxia", afirmou Martínez Cobas.
O resultado foi unha vida de creación de riqueza material e inmaterial. "Material no que poderiamos chamar o galeguismo ou nacionalismo empresarial, na posta en valor das persoas, do capital e dos recursos naturais do noso país para o seu desenvolvemento: os Isla Couto, Meixide González, Fernández López, Paz Andrade, Parga Pondal...; o coñecemento na creación de Zeltia, Cementos Cosmos e Corporación Noroeste ou Pescanova e a dirección dunha manchea de compañías. E inmaterial na posta en valor da sociedade galega, da lingua, da cultura e da espiritualidade", concretou Martínez Cobas.
A mesa redonda dedicada a Isla Couto, organizada coa colaboración do Concello de Vigo, forma parte das Xornadas na honra de Xosé Mª Álvarez Blázquez, o propio Isla Couto e Ramón Piñeiro, coas que a RAG conmemora este mes o centenario do nacemento dos tres académicos de número. Segundo a académica Rosario Álvarez, que moderou a mesa dedicada ao intelectual e economista, con celebracións como estas a Academia cumpre co seu deber de "manter viva" a memoria de todas as persoas que contribuíron a preservar a lingua e a cultura galegas.