Malia nacer á beira do mar de Vigo, en Teis, foi en Santiago de Compostela, a cidade que o acolleu dende neno, onde construíu o seu espazo vital e literario. Nela deuse a coñecer, mentres estudaba Dereito, como membro da xeración das Festas Minervais, certame universitario no que foi premiado en distintas ocasións. Anos despois confirmaríase como un dos poetas máis valiosos dela coa publicación do seu primeiro libro. Ao pé de cada hora (Galaxia, 1967) foi, nun momento en que a poesía social predominaba nas letras galegas, un poemario singular, que emanaba o marcado intimismo que caracterizaría toda a produción do poeta. Nestas páxinas confluían xa o existencialismo e o galeguismo, dúas correntes fundamentais que marcaron unha traxectoria poética que tematicamente centrou no amor á terra, á Galicia que lle deu nome ao poema que abre este volume; e o amor feminino, expresado dun xeito moi persoal.
Case unha década despois chegaría Tempo de Compostela (1978), recoñecido co Premio da Crítica de Poesía Galega. Desta volta a protagonista era o seu terceiro elemento de atención poética, Santiago de Compostela, retratada cun alento entre épico e lírico que constituíu unha auténtica novidade na literatura dedicada á histórica cidade. A este espazo vital esencial dedicoulle tamén o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, Compostela e as nosas letras ata o Manifesto Máis Alá (1992), e a propia institución salientou o protagonismo compostelán na súa vida e obra na publicación que editou co gallo do Día da Poesía de 2019 que lle dedicou baixo o título Horas de Compostela.
Santiago de Compostela é tamén o escenario da súa principal incursión na narrativa, o conxunto de relatos Os misterios de Monsieur D'Allier (Galaxia, 1992), Premio da Crítica Española de narración en lingua galega en 1993. Ese mesmo ano, a súa poesía publicada ata o momento foi recompilada en Obra poética (Espiral Maior), volume que incorporou ademais un cancioneiro inédito, Poemas de amor a Xulia, e poemas soltos recuperados baixo o título As palabras e os días. O primeiro constitúe “unha confesión luminosa dun home feito que atopou a calma namorada tantas veces presentida e tantas veces negada”, salientou o crítico literario Basilio Losada; mentres que n’As palabras e os días sobresaen os poemas que dedicou en homenaxe a figuras senlleiras da cultura galega, dende Rosalía e Otero Pedrayo a Maside, Fermín Penzol ou Francisco Fernández del Riego.
Neses anos, García-Bodaño, sen abandonar a poesía intimista, experimentou nunha liña distinta de carácter urbano e irónico que deu a coñecer na plaquette Pegadas no alcatrán (Boletín Galego de Literatura, 1994), que preludiaba a altura e modernidade poética alcanzados co seu anovador Cidade virtual (Biblos, 2003).
O diálogo coa arte foi outra vertente notable da obra poética dun home con gran formación plástica, expresado en títulos como 37 debuxos para un país (Ediciós do Castro, 1985), unha colección de breves poemas en prosa que acompañan a obra gráfica de Felipe Criado; e Compostela (1989), con gravados de Alfonso Costa; ou o propio poemario Cidade virtual, no que acompañou os verso con ilustracións da súa propia autoría.
Os seus poemas foron traducidos ao inglés, italiano, francés, ruso, sueco, catalán, ou árabe e aparecen recollidos nas máis sobranceiras antoloxías da lírica contemporánea de Galicia.
Tradución, crítica e xornalismo
Alén da creación literaria, Salvador García-Bodaño cultivou ademais a tradución, vertendo ao galego títulos como Viaxe por Galicia (Xerais, 1993), sobre as páxinas que George Borrow dedicou a Galicia no seu The Bible in Spain (1843); e exerceu a crítica literaria, a crítica de arte e o xénero biográfico profundando na obra e mais na vida de autores como Avilés de Taramancos, Maside, Xaime Quessada, Luís Seoane, Rafael Dieste ou Xesús Corredoira.
A relación coa prensa foi outra constante na súa traxectoria. Nos anos 60 coordinou a sección “Páxina de Letras” do xornal El Correo Gallego, onde máis adiante publicaría durante moito tempo unha columna dominical sobre temas culturais e de actualidade, baixo o título “De onte a hoxe” e, despois, “No pasar dos días”. Colaborou tamén coa posta en marcha de Teima. Revista galega de información xeral (1976-1977) e publicou colaboracións noutras cabeceiras como La Voz de Galicia e El Ideal Gallego.
Activismo cultural e político dende a ditadura
O académico foi un destacado animador de proxectos culturais dende a mocidade e comprometeuse politicamente a prol da democracia dende aqueles anos do franquismo. Participou nos últimos faladoiros literarios do desaparecido café Español, estableceu amizade co mocidade que pulaba pola defensa dos valores culturais e históricos de Galicia e foi membro fundador da Asociación Cultural O Galo (1961), pioneira durante a ditadura de todas cantas en Galicia se dedicarían despois a reivindicar a lingua e a cultura galegas. Nos primeiros anos 60 formou ademais parte do Consello da Mocedade e do núcleo promotor na clandestinidade do Partido Socialista Galego (1963), do que foi secretario de información e propaganda.
Entre as imaxes para a historia das letras contemporáneas galegas queda xa a fotografía que protagonizou na celebración do primeiro Día das Letras Galegas no salón artesoado de Fonseca canda Xohana Torres (1931-2017), Arcadio López-Casanova (1942-2002) e Carlos Casares (1941-2002). Os catro amigos que participaron no recital da homenaxe a Rosalía de Castro confirmaríanse co tempo como figuras senlleiras da literatura galega e chegarían a ser membros da RAG.
Co gallo daquela primeira celebración do 17 de maio, García-Bodaño tamén participara días antes, o 14, nun recital poético en Pontevedra -xunto a Celso Emilio Ferreiro e Arcadio López Casanova- no que lle censuraron varios poemas, entre eles a primeira elexía escrita en Galicia dedicada a Alexandre Bóveda. Dez anos despois, en 1974, o Tribunal de Orden Público sancionouno por outro recital no Círculo Recreativo e Cultural de Perlío (Fene), no que se incluían poemas referentes á Revolución dos Cravos en Portugal e versos dedicados ao escritor chileno Pablo Neruda.
A etapa democrática
O seu activismo non minguaría coa chegada da democracia. En 1980 foi cofundador e elixido membro directivo da primeira Asociación de Escritores en Lingua Galega, e presidente do Ateneo de Santiago de Compostela. Foi tamén membro do novo Seminario de Estudios Galegos, patrón-fundador do Museo do Pobo Galego e cofundador do PEN Clube de Galicia, da Asociación de Tradutores en Lingua Galega (ATLG), do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside, do Instituto Galego da Información, da Fundación Castelao, da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (IGI) ou membro do padroado da Fundación Pedrón de Ouro.
A súa traxectoria foi recoñecida con galardóns como Premio Xunta de Galicia á Creación Cultural (1988) ou a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago de Compostela (2012). Na súa Compostela de acollida, nos últimos anos os seus versos inscribíronse no Xardín das Pedras da Biblioteca da USC (2020) e foi nomeado presidente honorario do Ateneo de Santiago (2021).