A RAG e a Xunta renovan o convenio de colaboración para a utilización das instalacións da Cidade da Cultura

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asinaron hoxe a renovación por catro anos do convenio en virtude do cal desenvolven o seu traballo na Cidade da Cultura os Seminarios de Lexicografía, Sociolingüística e Onomástica da RAG.

A RAG e a Xunta asinaron en 2014 o acordo que permite que parte do persoal da Academia desenvolva o seu labor nas dependencias da Biblioteca de Galicia. Víctor F. Freixanes agradeceu a colaboración do Goberno galego na cesión destes espazos e convidou o conselleiro a visitar as instalacións da RAG na Coruña, provisionalmente no polígono industrial de Pocomaco, á espera da finalización das obras de rehabilitación da sede histórica da rúa Tabernas. “Gustaríanos unha visita oficial do novo conselleiro ás dependencias da Academia e poder falar de proxectos futuros, e mesmo da posibilidade de dar un salto cualitativo nas estratexias de promoción e defensa do idioma. Se cadra é o momento de intentalo”, expresou Víctor F. Freixanes.

O conselleiro agradeceulle pola súa banda á Real Academia Galega o labor que desenvolve dende hai máis dun século no estudo, a promoción e a defensa do idioma galego e do patrimonio cultural e literario.

No acto de sinatura estiveron tamén presentes o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; e o vicesecretario da RAG, Henrique Monteagudo; e o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.